O desemprego cae en Caldas a niveis anteriores ao estalido da pandemia
Por Redacción
O paro cae en Caldas. Xusto un ano despois do estalido da pandemia da covid-19, o número de desempregados sitúase no municipio en 695 persoas, 46 menos que en febreiro deste ano e 37 por baixo dos que se rexistraban en marzo de 2020.
Desde o goberno local realizaron un seguimento detallado da evolución do mercado laboral por sectores a nivel municipal e comarcal para constatar que Caldas foi un dos lugares que mellor resistiu a destrución de emprego dos últimos 12 meses.
O mes de marzo foi un mes bo para todos os sectores en Caldas. O número de persoas en procura de emprego reduciuse en 21 no sector servizos, en 11, na construción; en 7, na industria; en 4, na agricultura; e en 3, sen emprego anterior.
De feito os datos de desemprego rexistrados en Caldas en marzo do 2021 é a segunda cifra máis baixa desde o 2017. É estalido da crise sanitaria produciuse na vila termal con 732 parados, un ano despois o mercado laboral mostra signos de recuperación con 695 parados. O tirón de Caldas faise sentir tamén nos municipios de toda a comarca, na que o paro se reduciu en 87 persoas e reflicte un total de 2.344 desempregados.
O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey sostén que estes datos "son unha gran noticia. Recuperar os niveis de emprego que había antes do inicio da pandemia é un punto de inflexión, pero isto non implica que debamos baixar a garda, seguiremos esforzándonos para apontoar a situación e traballando para favorecer a xeración de emprego e a baixada do paro".