Preséntanse só 14 solicitudes para os 64 postos baleiros na planta baixa do Mercado
Por Oskar Viéitez
O Servizo de Promoción Económica do Concello de Pontevedra convocará o vindeiro mércores 14 de abril a mesa de apertura de plicas e ofertas para os 64 postos baleiros na planta baixa do Mercado de Abastos.
O período administrativo de presentación de propostas para facerse coas concesións demaniais pechouse con 14 solicitudes rexistradas.
O proceso de licitación en marcha permitiu sacar a concurso, mediante a fórmula de libre concorrencia por poxa, 55 bancadas das 114 existentes no Mercado de Abastos (hai 59 ocupadas, 15 das de flores), 52 bancadas de peixe e 3 de froita, así como 6 casetas interiores de carne das 30 casetas interiores que hai e 2 casetas exteriores de confección e 1 de prensa das 19 casetas exteriores que ten a planta baixa das instalacións da rúa Serra (das 49 casetas existentes, 9 saen a poxa e 40 están ocupadas).
CURSO DE OPERADOR DE CARRETILLAS ELEVADORAS
Por outra banda, a Concellería de Promoción Económica acaba de abrir o prazo de inscrición do curso de Operador de Carretillas Elevadoras organizado polo Concello en colaboración co centro Ara Formación.
A actividade formativa, que será de balde e terá carácter presencial, contará con 24 horas lectivas repartidas entre os días 19 e 24 de abril: de luns a venres, en horario de 09:30 a 13:00 horas (a parte teórica), e os sábados, de 08:00 a 15:00 horas (a parte práctica).
Todas aquelas persoas que queiran inscribirse poderán facelo a través do email administracion@proxectoiles.es e deberán achegar, entre outros datos, a antigüidade de desemprego.
A actividade formativa estará destinado prioritariamente a desempregados empadroados no concello de Pontevedra.
No marco das accións formativas impulsadas por esta Concellería tamén se celebrarán uns cursos de Limpeza de Locais Comerciais e Limpeza Hospitalaria, con 50 horas de duración en modalidade presencial.
Asemade, desenvolverase un curso sobre Limpeza en Aloxamentos Turísticos (camareira de piso), cunha parte teórica que terá unha duración de 50 horas impartidas en modalidade presencial.
Tanto estes últimos cursos, que se realizarán entre os meses de maio e xuño, como o de Operador de Carretillas Elevadoras, contan cun total de 45 prazas, repartidos nun máximo de 15 alumnos por acción formativa.