Continúa aberto o prazo para facerse con algún posto libre do Mercado de Abastos
Por Redacción
Segue aberto o prazo para facerse con algún dos 64 postos baleiros na planta baixa do Mercado de Abastos. A Concellería de Promoción Económica e Turismo lembra que aqueles particulares e empresas que queiran facerse cun posto, dispoñen ata o vindeiro 25 de marzo para poder presentar as súas ofertas.
No proceso de licitación sacáronse a concurso 55 bancadas das 114 existentes no Mercado (hai 59 ocupadas, 15 delas de flores), 52 bancadas de peixe e 3 de froita, 6 casetas interiores de carne das 30 casetas interiores que hai e 2 casetas exteriores de confección e 1 de prensa das 19 casetas exteriores que ten a planta baixa das instalacións da rúa Serra (das 49 casetas existentes, 9 saen a poxa e 40 están ocupadas).
Para poder facerse cun posto, os concesionarios deberán satisfacer as taxas correspondentes melloradas á alza segundo as súas propostas e cun prazo de concesión de 25 anos. As taxas mínimas que se deben ofertar polos licitadores por cada número de posto, en función do seu tipo, son de 3.872,07 euros a bancada de peixe; 3.872,02 euros a bancada de froita; a caseta interior, entre 9.680,16 e 13.552,23 euros, e caseta exterior, 8.131,34 euros. As ofertas que se formulen por debaixo destes mínimos serán rexeitadas e os licitadores excluídos do procedemento.
Así mesmo, os solicitantes que estean propostos para ser beneficiarios das concesións están obrigados a presentar autoliquidación e realizar o pagamento do canon ofertado. Independentemente do pago do canon mínimo, os adxudicatarios deberán satisfacer mensualmente, durante a vixencia da concesión, as taxas de servizo establecidas na ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación de servizos nos mercados municipais.
Tamén correrán por conta de cada concesionario os tributos relativos ao exercicio de cada actividade, os que graven a constitución destas concesións, os de formalización pública dos títulos das concesións e demais derivados das propias concesións. Para poder participar neste procedemento, os empresarios interesados deberán acreditar a súa solvencia económica, técnica e profesional.
O anuncio da licitación e o prego de condicións técnicas e cláusulas administrativas que rexen o procedemento mediante poxa para a explotación das 55 bancadas e 9 casetas dispoñibles poden atoparse no Perfil do Contratante do Concello de Pontevedra (sede.pontevedra.gal, no apartado Outras Licitacións).