Sanxenxo publicítase en Francia no salón náutico Gran Pavois de La Rochelle
Por Redacción
O obxectivo de aumentar os tránsitos internacionais no porto deportivo Juan Carlos I levou a Sanxenxo ata Francia para participar no salón náutico Gran Pavois de La Rochelle.
Alí encóntranse a alcaldesa, Catalina González, e a concelleira de Turismo, Almudena Aguín, que acudiron ao evento para intentar "conseguir que os barcos franceses que navegan polo corredor atlántico recalen no noso municipio, xa que temos un porto idóneo para iso", segundo sinalou a rexedora.
Todos os que se acheguen ao espazo galego instalado por Turgalicia e Portos de Galicia poderán encontrar un folleto de información editado por Nauta, en colaboración de Turismo de Sanxenxo, no que se expoñen as características e servizos do porto.
Outros dos obxectivos da delegación sanxenxina en Francia é, segundo trasladou a alcaldesa, traballar na posible organizaciín de eventos deportivos de alto nivel, motivo polo cal Catalina González mantivo varias reunións ao longo do día: "temos unha grande experiencia no mundo da vela deportiva ao ter acollido en 2005 a base de operacións e a saída da Volvo Ocean Race".