Poio usará 1,5 millóns de euros dos seus remanentes para diferentes actuacións
Por Redacción
O pleno da corporación aprobou por unanimidade a modificación de crédito que permitirá ao Concello de Poio dispor de preto de 1,5 millóns de euros, correspondentes ao remanente de tesourería resultante da liquidación do orzamento de 2020, para acometer diferentes actuacións e impulsar varios proxectos.
Todos os grupos (BNG, PSOE, Avante Poio e Partido Popular) respaldaron esta medida, que entrará en vigor unha vez sexa publicada no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
O goberno local amosa a súa satisfacción por este feito e lembra que o uso deste remanente é posible logo de que o Goberno central suspendese temporalmente a regra de gasto, durante 2020 e 2021, por mor da crise sanitaria da COVID-19.
O equipo de goberno salienta que esta modificación permitirá "cubrir necesidades e acometer traballos que son moi necesarios para a veciñanza".
Así, 300.000 euros destinaranse á compra de terreos para a construción do novo centro de saúde, que deberá acometer a Xunta de Galicia unha vez que a parcela sexa posta á súa disposición. Tamén se contempla un investimento importante (ata 200.000 euros) para a ampliación do cemiterio municipal de San Xoán.
No que ao impulso de novos proxectos se refire, existe unha cifra moi similar (algo máis de 196.000 euros) reservada para impulsar actuacións que se financiarán a través de fondos europeos, ben sexan do FEDER ou do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE).
Entran dentro deste apartado actuacións de relevancia como a humanización do núcleo do Xuviño e da rúa Ramón Encinas, nas proximidades do porto de Raxó, ou a renovación de luminarias en diferentes puntos do municipio, que pasarán a contar con puntos led, o que redundará nunha maior eficiencia e aforro enerxético.
O goberno local, con respecto á covid-19, ademais de investir parte destes fondos na compra de material sanitario ou de seguridade, tamén se inclúen 100.000 euros para axudas directas aos sectores máis afectados polas restricións aplicadas pola Xunta, aos que se suman outros 50.000 achegados pola Deputación de Pontevedra.
Tamén figura un apartado de 50.000 euros destinado a novas tecnoloxías e á mellora da participación telemática, unha ferramenta que adquiriu máis protagonismo que nunca desde o inicio da pandemia.
Relacionadas:
-
Poio planea reformar a conexión entre os núcleos de Padrón e Casalvito
Por Redacción |
-
Plataforma única na reforma da contorna do peirao de Raxó con máis espazo para viandantes e ciclistas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas, Poio e Moraña renovarán alumeado público cunha nova achega do Ministerio de Transición Ecolóxica
Por Redacción |
-
Poio obtén máis de 250.000 euros do IDAE para as obras do núcleo do Xuviño
Por Redacción |
-
Poio convoca o sector turístico e hostaleiro para falar da distribución de 150.000 euros en axudas directas pola crise
Por Redacción |
-
O PP afirma que goberno local converterá a Poio no concello con máis débeda da provincia
Por Oskar Viéitez |
-
Poio destinará parte dos seus aforros á adquisición de terreos para o futuro centro de saúde
Por Oskar Viéitez |