Poio obtén máis de 250.000 euros do IDAE para as obras do núcleo do Xuviño
Por Redacción
O Concello de Poio vén de recibir unha subvención por parte do Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE), que ascende a máis de 250.000 euros e que se utilizará para levar a cabo un proxecto de humanización e rehabilitación integral do núcleo do Xuviño, na parroquia de Combarro.
A tramitación para obter esta axuda, que forma parte do marco do Programa Operativo Feder, foi xestionada a través da Concellería de Promoción Económica, dirixida por Gregorio Agís.
Tal e como explica o concelleiro socialista, a actuación que se pretende acometer no Xuviño segue a filosofía que se contempla no Plan de Mobilidade Sostible, aprobado polo goberno local en 2019, que aposta por dotar a este tipo de núcleos duns espazos nos que cobren un maior protagonismo os peóns, en detrimento do tránsito rodado e respectando o contexto arquitectónico deste emprazamento.
O concelleiro de Promoción Económica sinala que o orzamento previsto para desenvolver a actuación ascende a algo máis de 313.000 euros. O Concello deberá asumir o 20% do mesmo (62.000 euros aproximadamente), unha contía que xa vén contemplada no Orzamento municipal aprobado este ano.
A intención do goberno local é reunirse coa veciñanza do lugar para darlles a coñecer os detalles do proxecto, pendente aínda de ser redactado, así como para recoller as posibles propostas e achegas que realicen os e as residentes.
Na memoria elaborada polo departamento de Urbanismo consta que as obras se estenderían ao longo da rúa do Xuviño, de 700 metros de lonxitude, na que se procedería a habilitar unha plataforma única adoquinada, para fomentar o tránsito a pé.
A actuación contempla a dotación de rede de pluviais e limitaría o acceso de vehículos só para residentes.
"Buscamos fomentar unha mellora da calidade de vida e da seguridade, impulsando tamén traballos para respectar a contorna singular arquitectónica do Xuviño e mellorando a accesibilidade", conclúe Agís, que confía en que as obras poidan estar rematadas no último trimestre de 2022.
Relacionadas:
-
A veciñanza do Xuviño fai as súas achegas para enriquecer o anteproxecto de mellora do núcleo
Por Redacción |
-
Poio planea reformar a conexión entre os núcleos de Padrón e Casalvito
Por Redacción |
-
Case 800.000 euros de fondos europeos para que Poio renove o alumeado municipal
Por Redacción |
-
Unha nova axuda do IDAE para renovar o alumeado en Barro, Bueu e Caldas
Por Redacción |
-
O Concello pide á Deputación que financie unha obra en Combarro
Por Redacción |
-
Poio usará 1,5 millóns de euros dos seus remanentes para diferentes actuacións
Por Redacción |
-
Poio tramita a solicitude de axudas para reducir as emisións de Carbono e reforzar a seguridade viaria no núcleo de Xuviño
Por Redacción |