O goberno local asegura que a viñeta de Poio é a máis baixa da comarca
Por Redacción
O municipio de Poio conta co Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) máis baixo de toda a comarca de Pontevedra, sobre todo no que se refire a automóbiles con menos de 16 cabalos fiscais. Así o asegura o goberno local deste concello.
A día de hoxe, os vehículos con menos de 8 cabalos fiscais pagan 14 euros ao ano; nos de entre 8 e 11,99 o recibo é de 38 euros e, de 12 a 15,99, ascende a 80 euros. As categorías máis altas corresponden aos turismos e automóbiles de ata 19,99 cabalos fiscais (107,5) ou de máis de 20 (134).
Tal e como consta no censo de vehículos de Poio, no ano 2020 había rexistrados un total de 14.700 vehículos de tracción mecánica, dos que 2.643 están exentos de pago e outros 8.925 corresponden a turismos que pagan o recibo na vila.
Máis do 91% deste último grupo (8.182) corresponden a automóbiles que non superan os 16 cabalos fiscais, polo que a contía do imposto non supera os 80 euros anuais. Un total de 3.992 persoas pagan 38 euros ao ano, ao dispor dun turismo que ten entre oito e 11,99 cabalos fiscais (case un 45% do total). No grupo inmediatamente superior (de 12 a 15,99) son 4.190 (46,9%).
O equipo do alcalde Luciano Sobral sinala que "estas contías económicas son as máis reducidas da comarca de Pontevedra". O goberno local salienta que "mesmo noutros concellos da bisbarra cunha poboación sensiblemente menor que Poio os prezos son máis elevados". E citan o caso de Ponte Caldelas, A Lama, Vilaboa, Soutomaior ou Barro.
Ademais, engaden que o imposto coñecido coma ‘viñeta’ tamén é máis barato en Poio se se compara con outros concellos veciños como Sanxenxo, onde as cotas van desde os 14,84 ata os 84,06 euros, ou Meis (entre os 15,77 e os 89,93 euros). No caso da capital da provincia, os recibos nestes grupos máis xenéricos vai desde os 20,29 euros ata os 118,5.
"Atopámonos con que en Poio temos un dos recibos máis baixos da ‘viñeta’ de toda Pontevedra", afirma o concelleiro de Economía e Facenda, Xulio Barreiro.
Estas cifras mantéñense sen modificación algunha desde hai varios anos, antes de que en 2022 entren en vigor as bonificacións que o goberno local aprobou hai uns meses, "co obxectivo de impulsar uns impulsos máis xustos e equitativos, tendo en conta a situación de familias numerosas ou a necesidade de promover o coidado do medio ambiente, a través da adquisición de vehículos que limiten a emisión de contaminación".
Así, contémplanse bonificacións do 50% do IVTM para automóbiles híbridos, mentres que as persoas propietarias de coches eléctricos quedarán exentos de pagar este imposto.
Haberá unha suba do 10% para turismos convencionais, que non afectará a camións, autobuses ou motocicletas, e que "en máis do 90% dos casos implica un aumento que oscila entre os 1,4 e os 8 euros anuais", lembra Barreiro, que sinala que, unha vez aplicadas estas modificacións, a ‘viñeta’ en Poio situarase na media da provincia de Pontevedra "e seguirá sendo máis barata que en varios concellos da contorna".
Con esa modificación, o imposto para turismos con menos de 8 cabalos fiscais sería de 15,4 euros, os de entre 8 e 11,99, 41,8 euros e os de 12 a 15,99 cabalos fiscais, 88 euros ao ano.
Relacionadas:
-
Intervención informa en contra da impugnación do PP de Poio contra as bonificacións do IBI e da viñeta
Por Oskar Viéitez |
-
O PP mobiliza unha longa caravana de coches contra a subida de impostos en Poio
Por Redacción |
-
Poio bonificará o IBI a familias numerosas, a viñeta a coches ecolóxicos e as herdanzas en vida
Por Redacción |
-
Poio aplicará bonificacións e exencións en impostos municipais
Por Redacción |