Intervención informa en contra da impugnación do PP de Poio contra as bonificacións do IBI e da viñeta
Por Oskar Viéitez
O departamento de Intervención do Concello de Poio informa que procede desestimar a solicitude de impugnación presentada polo grupo municipal do Partido Popular contra as bonificacións impulsadas polo Goberno local que se aplicarán, a partir de 2022, nos recibos do Imposto de Bens Inmobles (IBI) e o de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM).
Estas modificacións foron aprobadas no Pleno ordinario do pasado mes de decembro, grazas aos votos a favor do BNG, PSOE e Avante Poio.
O informe elaborado pola interventora municipal, e que foi emitido o pasado 16 de febreiro, desbota os argumentos presentados polo PP e deixa claro que a argumentación esgrimida polo Partido Popular é incorrecta. O informe recolle que o Partido Popular tratou de impugnar estas bonificacións alegando a necesidade de presentarse un estudo técnico-económico, algo que é necesario para as taxas, pero non para os impostos
O informe elaborado por Intervención tampouco da por bo o argumento do PP que fai referencia a unha sentencia xudicial para defender a súa postura.
O Goberno local de Poio amosou a súa sorpresa polo feito de que o Partido Popular presente unha impugnación "sen distinguir as diferencias entre unha taxa e un imposto ", algo que "é impropio dunha oposición seria". Neste sentido, os dirixentes municipais pregúntanse se o proceder dos populares responde a "pura ignorancia" ou se, polo contrario, "o seu afán por provocar ruído, enredar e confundir á cidadanía lles leva a presentar impugnacións sendo perfectamente conscientes de que os argumentos non teñen razón de ser".
O equipo de Goberno lamenta a "desesperación" do PP de Poio e a súa pretensión de "consolidar unha mentira como é falar de suba de impostos, cando o que aprobamos son bonificacións baseadas en reaxustes moi concretos que se aplicarán nos recibos do IBI e da viñeta a partires de 2022".
No caso do IBI, aplicarase unha rebaixa do 50% a aquelas familias numerosas que presenten unha declaración da renda anual que non supere os 30.000 euros. Haberá un incremento nun 25% que só se aplicará a vivendas valeiras, quedando exentos inmobles que estean arrendados ou que conten con xente empadroada nese enderezo. Por outra banda, haberá tamén bonificacións para vivendas que fosen construídas antes do ano 2007 que non conten con elementos e sistemas que garantan o aforro enerxético, pero que se contemple o a súa instalación, como poderían ser, por exemplo, os paneis solares. Tamén se contemplan reducións nos recibos para empresas agrarias.
A maiores, o Goberno municipal reduce o 50% no imposto de vehículos para as persoas propietarias de automóbiles híbridos. Ademais, quen conte cun vehículo 100% eléctrico quedará exento de pagar este recibo. Para o resto de vehículos contémplase un incremento do 10%, quedando “na media da provincia de Pontevedra”, e que, na maioría dos casos, suporá unha suba que oscilará entre os 3,8 e os 5 euros anuais.
A aprobación definitiva destas bonificacións, logo da emisión do informe de Intervención, será analizada este martes nun Pleno extraordinario, no que tamén se abordarán alegacións presentadas contra a aprobación inicial do Orzamento de 2021.
Relacionadas:
-
O goberno local asegura que a viñeta de Poio é a máis baixa da comarca
Por Redacción |
-
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia admite a trámite o recurso do PP de Poio contra a subida de impostos do Concello
Por Oskar Viéitez |
-
O Pleno de Poio desestimou as alegacións presentadas contra o Orzamento municipal
Por Oskar Viéitez |
-
O PP mobiliza unha longa caravana de coches contra a subida de impostos en Poio
Por Redacción |
-
O PP de Poio impugna os acordos aprobados polo Pleno relativos á subida de impostos
Por Oskar Viéitez |
-
Poio bonificará o IBI a familias numerosas, a viñeta a coches ecolóxicos e as herdanzas en vida
Por Redacción |