Rescatan as historias de mulleres pontevedresas que emigraron a América
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, asinaron este mércores o convenio de colaboración para o desenvolvemento do proxecto "Pontevedra en América: unha mirada en feminino", dentro da Cátedra Iberoamericana para o ano 2021.
É o primeiro convenio que asinan xuntas ambas institucións.
A presidenta da Deputación explicou que "este proxecto vai poñer en valor a historia das mulleres da emigración para rescatar a experiencia e a mirada feminina e devolvelas ao lugar que lles corresponde neste ámbito que ten deixado unha pegada fundamental na sociedade galega".
Trátase dun traballo que rescata unha mirada feminina na emigración e que se divide en tres accións: por unha banda está a publicación das historias en formato dixital, tamén se organizará unha exposición cunha explicación histórica audiovisual sobre este tema e un "mentoring" de mulleres que retornan.
"Pontevedra en América: unha mirada en feminino" investiga as historias dun grupo de pontevedresas de diferentes ámbicos como a cultura, empresa, docencia… que deixaron pegada na emigración. Historiadoras, economistas, sociólogas e artistas desta Cátedra da Universidade compostelá analizarán o seu papel.
A directora da Cátedra Iberoamericana, María Cadaval, sinalou que a Deputación de Pontevedra "está a facer un gran labor en materia de igualdade e este proxecto vai na liña de seguir avanzando nese camiño".
A presidenta Carmela Silva destacou que con esta iniciativa "imos poñer en valor a historia de tantas mulleres pontevedresas que foron ignoradas, esquecidas e invisibilizadas pola historia a pesar da súa forte implicación nas migracións laborais e políticas que sucederon no pasado século".
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela insistiu, pola súa banda, en que "aínda non temos a igualdade efectiva entre mulleres e homes e todo o que se faga é positivo", neste sentido engadiu que "estamos moi satisfeitos" de facer realidade este proxecto xunto á Deputación de Pontevedra.
Relacionadas:
-
O Centro Sociocultural de Tenorio recibe á mostra itinerante "Pontevedra e América. Unha mirada en feminino"
Por Redacción |
-
O Centro Cultural "Antonio Fraguas" recibe a exposición "Pontevedra e América. Unha mirada en feminino"
Por Redacción |
-
"Feminismo para cambiar o mundo", o lema que acolle todos os actos previstos para o vindeiro 8 de marzo
Por Andrea Sánchez Barreno |