O Centro Sociocultural de Tenorio recibe á mostra itinerante "Pontevedra e América. Unha mirada en feminino"
Por Redacción
"Pontevedra e América. Unha mirada en feminino", a mostra itinerante da Deputación e da Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para poñer en valor a historia de trece mulleres cuxo nexo de unión é a emigración e a relación entre Pontevedra e o outro lado do Atlántico, chega este mércores, 10 de abril, ao Centro Sociocultural de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade.
A exposición será inaugurada ás 18:30 horas e completarase cunha conferencia na que María Cadaval, directora da Cátedra Iberoamericana, Mª Xosé Rodríguez Galdo, catedrática emérita de Historia e Institucións Económicas da USC, e María Xosé Porteiro, adxunta á Valedora do Pobo, renderán homenaxe ás mulleres que forman parte da mostra.
Bernarda Pereira, Blanca Rodríguez, Margarita Bilbatúa, Sofía Novoa, Concepción Pazo, Chita Lamas, Rosina Villaverde, Antía Cal, Reyna Pastor, Concha Nogueira, Isaura Abelairas, María Xosé Porteiro e Noemí Cendón son as protagonistas da exposición. Mulleres, todas elas, para as que Pontevedra marcou unha parte importante da súa experiencia vital e, ao mesmo tempo, mantiveron vínculos e vivencias en terras americanas.
O tempo transcorrido en Pontevedra e o vivido en América, se ben distintos en época, duración ou circunstancias persoais, entre outros factores é o que as une a todas. Para unhas América constitúe o seu lugar de nacemento, outras mantiveron unha intensa e prolongada vivencia naqueles países, sendo noutros casos a estadía máis curta, pero non menos intensa.
Tras pasar xa por Pontevedra, Vigo, Lalín e chegar agora a Cerdedo-Cotobade, onde poderá visitarse ata 9 de maio, a mostra continuará neste 2024 o seu percorrido polos concellos da provincia.
Relacionadas:
-
Cubela presenta á Xunta e Deputación proxectos que superan os 2,1 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
"Pontevedra e América. Unha mirada en feminino" unha mostra para poñer en valor a historia das mulleres da emigración
Por Redacción |
-
O Centro Cultural "Antonio Fraguas" recibe a exposición "Pontevedra e América. Unha mirada en feminino"
Por Redacción |
-
Chega a Pontevedra a mostra itinerante que pon en valor a historia das mulleres da emigración
Por Oskar Viéitez |
-
Rescatan as historias de mulleres pontevedresas que emigraron a América
Por Oskar Viéitez |