Sanxenxo prevé reducir a cero a súa débeda a finais de 2021
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo prevé deixar a débeda a cero a finais deste exercicio. Para iso destinará 1.226.659 euros do remanente para facer unha amortización extraordinaria da débeda. A esta cantidade hai que sumar os 568.961 euros de amortización ordinaria que se incluirán no orzamento.
O remanente de tesourería é o saldo positivo acumulado nos últimos exercicios orzamentarios, mentres que o superávit corresponde ao aforro do último ano.
O goberno do alcalde Telmo Martín sinala que "pese ao nivel de investimentos e ao gasto extra que obrigou a facer a pandemia Sanxenxo mantén a súa boa saúde económica".
A liquidación do ano 2020 lanza un remanente de 4.000.666 euros e un superávit de 1.772.536 euros. Ademais, Sanxenxo pechou o exercicio cunha débeda de 1.795.620 euros, o que representa o 9,45% dos ingresos correntes que ten o Concello. A lei de estabilidade orzamentaria admite que os concellos se poidan endebedar ata o 75% dos seus ingresos.
No ano 2017 a débeda do Concello de Sanxenxo estaba en 6.386.382 euros, en 2018 reduciuse ata os 4.257.605 euros, e en 2019 situouse en 2.471.257 euros. O pasado ano 2020 a débeda era de 1.795.620 euros.
Segundo o goberno local, a liquidación orzamentaria do 2020 "reflicte unha situación económica positiva que vai permitir cancelar a débeda e aínda así manter un remanente de 2,8 millóns de euros".
En base a estes datos, Sanxenxo ten "marxe" para facer os investimentos financeiros sostibles que contempla a lei de estabilidade orzamentaria "e tamén poder asumir un imprevisto que se poida producir".