Detido por reter á forza unha prostituta na súa casa de Portas
Por Natalia Puga
A Garda Civil detivo na madrugada do sábado a un veciño de Portas por reter á forza na súa casa a unha muller que exerce a prostitución e á que previamente contratara servizos sexuais.
Fontes da Comandancia da Garda Civil confirmaron que o home, R.P.F. de 39 anos, foi detido por un delito de detención ilegal e está pendente da súa posta a disposición do Xulgado de Garda de Caldas de Reis.
Os feitos producíronse ao redor das 2.30 horas da madrugada do venres ao sábado 27 de outubro. Unha muller pediu axuda por teléfono denunciando que estaba detida ilegalmente nunha vivenda de Portas.
Unha patrulla do posto da Garda Civil de Valla desprazouse ao lugar no que aseguraba que estaba retida. A pesar de chamar e timbrar con insistencia ninguén abriu a casa, de forma que os axentes optaron por forzar unha persiana para acceder ao domicilio.
Unha vez no interior, é atoparon con que R.P.F. contratara os servizos dunha prostituta para manter relacións sexuais na súa casa e, cando ela quixo abandonar a vivenda, impediullo.
Ao parecer, o dono da casa non só lle impediu irse, senón que adoptou unha actitude agresiva, de modo que a moza atemorizouse e optou por refuxiarse nunha habitación situada na planta baixa e pedir axuda. Alí estaba cando chegaron os axentes. Ela foi liberada e o seu suposto captador, detido.