As máscaras éticas chegan á cociña galega
Por Alejandro Espiño
Cociñeiros con Estrela Michelín convertéronse nos embaixadores das máscaras éticas que elabora a Fundación Taller de Solidariedade en Galicia. Entre eles, Javier Olleros do restaurante Culler de Pau (O Grove), que defendeu o uso destas pezas.
"Non só importa o material, senón o fío que hai detrás, ese compromiso coas persoas que as fabrican e máis cando se trata de colectivos de mulleres que necesitan todas estas forzas para sentirse arroupadas", sinala Olleros.
E é que estas máscaras confecciónanse a través do Proxecto Hilandera, un taller téxtil ético de promoción social, que nace da aposta de tres entidades sociais para dar formación e emprego a mulleres en situación de vulnerabilidade.
Ata o momento, seis traballadoras, co apoio do persoal técnico das entidades, están a fabricar estas máscaras únicas, cosidas con mimo e deseñadas con esmero.
Son hixiénicas e reutilizables e contan cunha soa capa sen necesidade de filtro extra, polo que a respirabilidade é moi boa en relación con outras máscaras. Evitan a sensación de afogo e son cómodas e lixeiras, ideais para os máis pequenos e pequenas da casa.
Olleros recoñece que o obxectivo do seu restaurante "é estar onde se nos necesite e onde cremos que temos que estar" e sinala que "atopar a persoas comprometidas que queren axudar aos demais foi un agasallo para nós".
Ademais destas máscaras, tamén comezaron a deseñar chaquetas para que poidan ser usadas por estes cociñeiros no seu día a día.
Relacionadas:
-
Javier Olleros, entre os candidatos ao premio de 'mellor chef do mundo'
Por Alejandro Espiño |
-
Os cociñeiros con Estrella Michelín serán nomeados embaixadores de Rías Baixas
Por Alejandro Espiño |
-
Javier Olleros, tras recibir dúas Estrelas Michelin: "Galicia é o lugar que me permite ser o que son"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |