Os cociñeiros con Estrella Michelín serán nomeados embaixadores de Rías Baixas
Por Alejandro Espiño
Os responsables dos sete restaurantes que teñen Estrela Michelín na provincia de Pontevedra serán os embaixadores das Rías Baixas durante o ano 2021. Así o anunciou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, na presentación dunha nova edición da Gala Provincial do Turismo.
Nesta gala, que será o 24 de marzo en Vigo, recibirán esta honra Pepe Solla (Casa Solla), Iñaki Bretal (O Eirado), Pepe Vieira (Pepe Vieira), Yayo Daporta (Yayo Daporta), Javier Olleros (Culler de Pau), Rafa Centeno e Inés Abril (Maruja Limón) e Alberto González Prelcic (Silabario).
Será, segundo Carmela Silva, un evento "dinámico, con música e con moitas sorpresas" que estará presentado pola actriz Celia Freijeiro. Nel, recibirán os seus diplomas de calidade do SICTED representantes de 136 empresas turísticas da provincia.
"Queremos mostrar todo o noso apoio ao sector do turismo, o comercio e a hostalería, que ten sufrido un enorme impacto económico, e cremos que este é o momento para homenaxealos e prepararnos para saír desta situación con máis forza", explicou Silva.
A campaña deste ano, "Momentos Rías Baixas", será o fío condutor da gala, que ofrecerá unha viaxe pola provincia e xirará en torno a diferentes experiencias, entre elas a gastronómica nun dos restaurantes que, a partir de agora, serán embaixadores oficiais da provincia.
Todos eles, destacou a presidencia provincial, son o "buque insignia" da gastronomía pontevedresa e sitúan ás Rías Baixas "na vangarda internacional" a partir de pratos nos que "hai un respecto e coidado ao produto" que extraen do mar, da terra e os viñedos miles de produtores, mariscadoras, gandeiros ou agricultores.
Pepe Solla tomou a palabra en nome dos seus compañeiros para agradecer este nomeamento e apuntou que o recoñecemento da súa cociña "é un traballo de todas as persoas que están detrás de nós". Pola súa banda, Iñaki Bretal anotou que "é o momento de axudarnos entre todos a dar xuntos o mellor de nós e facer un destino aínda máis sostible e de calidade".
Os cociñeiros recibirán durante a gala como recoñecemento unha peza de artesanía creada por Ana Tenorio, premio Artesanía de Galicia 2018, e inspirada na camelia das Rías Baixas.
Carmela Silva fixo fincapé en que na gala aplicaranse todos os protocolos fronte á covid-19, cumprindo "exhaustivamente" as medidas de seguridade, tanto de limitación de aforo como de distancia entre as butacas.
As fotos de familia dos distintos grupos faranse por quendas reducidas, e a asistencia tanto dos premiados como dos alcaldes, alcaldesas e demais autoridades, será con invitación e confirmación expresa para garantir que se cumpre o aforo.
O evento poderá seguirse en streaming na páxina web da Deputación de Pontevedra e a través das redes sociais.