Autorízase o aparcamento de autocaravanas no campo de billarda durante a Semana Santa
Por Redacción
Esta Semana Santa, o Concello de Poio contará cun espazo máis para aparcamento de autocaravanas da Seca, na parroquia de San Xoán. A concelleira responsable de Seguridade Cidadá Marga Caldas explicaba este xoves que ata últimas horas do domingo 4 de abril, de maneira excepcional, permitirase que estes vehículos estacionen no campo de billarda que se atopa nesa mesma zona.
Esta parcela conta cunha extensión superior a 1.600 metros cadrados e nela espérase que poidan estacionar máis de vinte autocaravanas, segundo os cálculos realizados pola Policía Local.
Será un aparcamento disuasorio exclusivo para estes automóbiles, igual que xa se habilitou durante o verán de 2020. Con esta medida quérese garantir un amplo número de prazas para este tipo de turismo.
O período máximo de parada para as autocaravanas limítase a 24 horas tanto no campo de billarda como na área de servizo, que conta con dez prazas. Esta medida quedará implantada de maneira permanente. Con esta proposta quérese garantir a rotación dos vehículos nas prazas de maneira efectiva. A Policía Local realizará controis de maneira periódica para comprobar o uso correcto dos espazos e garantir a convivencia entre turismos e autocaravanas nesta zona.
Marga Caldas explicou que a ocupación temporal do campo de billarda é unha experiencia piloto para ver se esta medida pódese adoptar durante os meses de xullo e de agosto.
Relacionadas:
-
Naturgy cede dúas parcelas en Caldas ao Concello para aparcamento
Por Redacción |
-
Máis de 100 autocaravanas fixeron uso da área da Seca durante a Semana Santa
Por Redacción |
-
Autocaravaneros, estas son as normas que establece Poio ante o aumento destes vehículos na Seca
Por Redacción |
-
Pontevedra e a súa comarca, "boa vila" para o turismo de autocaravana
Por Manu Otero |