Benestar Social ofrecerá emprego para a atención do fogar a persoas vulnerables e con dificultades de inserción laboral
Por Redacción
A Concellería de Benestar Social, en colaboración coa Fundación Formavigo e a firma Idades, desenvolverá uns cursos sobre nocións básicas de carácter preventivo e asistencial para a atención no fogar de persoas que poidan presentar déficits de autonomía non limitadores a nivel sanitario, social ou emocional.
As actividades formativas realizaranse entre os meses de abril e xuño nas instalacións da Casa Azul. Durarán 28 horas (16 teóricas e 12 prácticas) e estarán impartidos por unha traballadora social con ampla experiencia no eido da atención a domicilio, e especificamente da atención a persoas maiores. A acompañará unha coordinadora que guiará as accións dos cursos, avaliando ao alumnado, e que realizará o seguimento das súas prácticas.
Os grupos serán de 10 persoas vulnerables e con dificultades de incorporación ao mercado de traballo. Darán ferramentas para atender de xeito profesional a persoas maiores e tamén a oportunidade, ao rematar os cursos, de traballar para o SAF pontevedrés.
O que pretenden con este proxecto, segundo o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, é "brindar unha formación básica e de calidade a persoas desempregadas, en especial a aquelas en risco de exclusión social; ofrecerlles unha saída laboral e mellorar a súa empregabilidade, e previr e compensar a perda de autonomía dos nosos maiores, prestándolles axuda para realizar as actividades da vida diaria e manter o espazo doméstico en condición axeitadas de habitabilidade".
En canto á selección das persoas que participarán nos cursos, o Concello terá en conta os criterios de prioridades marcados polos Servizos Sociais municipais. Tamén asinarán un convenio de prácticas coa empresa Idades, que incorporará ao alumnado de xeito escalonado ata cubrir o total das prazas. "Agardamos que todos ou a maioría deles acaben sendo contratados para colaborar co Concello de Pontevedra na prestación do SAF", explicou o concelleiro.
Marcos Rey tamén añadiu que estos cursos permitirán adquirir a habilidad de atención de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria no seu propio domicilio; atención ás necesidades de carácter doméstico e da vivenda que incidan e axuden na mellora da contorna das persoas usuarias e da súa familia; apoio na realización doutras actividades necesarias da vida cotiá e de trámites urxentes de carácter administrativo, xudicial ou semellantes; seguimento das intervencións e/ou atencións necesarias na área da saúde, e actividades de acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables".
O curso terá tres partes. Unha entrevista persoal cos beneficiarios para ter información sobre os seus coñecementos previos, fortalezas e eivas; unha parte teórica, que se desenvolverá de xeito presencial na Casa Azul seguindo os protocolos covid-19, e outra de prácticas, na que se farán labores de acompañamento a outra traballadora que preste servizos no SAF.
A entidade que desenvolverá os cursos, a Fundación Formavigo, ten como un dos seus fins fundacionais a formación, cualificación e emprego para as persoas con dificultades para a súa incorporación ao mercado laboral. As súas principais áreas de actuación son a comunidade, a igualdade, a inclusión e a mocidade. A Fundación, a través da Escola de Formación Formavigo ten realizado distintos proxectos e formacións para a inserción laboral en colaboración con entidades sociais como a Fundación Secretariado Xitano, Juan Soñador, Cáritas ou Érguete.
Relacionadas:
-
Dez persoas con dificultades de inserción laboral fórmanse para traballar en axuda no fogar
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade pide máis asignación á Xunta para atender os usuarios do SAF
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas insta á Xunta a que incremente o prezo por hora do servizo de axuda no fogar
Por Redacción |