Ponte Caldelas insta á Xunta a que incremente o prezo por hora do servizo de axuda no fogar
Por Redacción
O pleno da corporación de Ponte Caldelas aprobou este xoves unha moción para instar á Xunta de Galicia a incrementar o prezo por hora que ingresa ós concellos galegos para o servizo de axuda no fogar.
O Concello de Ponte Caldelas solicita á administración autonómica, que ten a competencia nesta materia, "que actualice os prezos que ten conxelados dende 2016 para adaptalos á realidade do servizo, pois a Xunta está a pagar 9,70 euros hora cando o custo real está preto dos 17 euros".
Dende o goberno local sinalan que "esta diferenza, da que paga unha mínima parte o usuario final, é asumida polos concellos sen recibir diñeiro para ese fin, mentres o Estado acaba de ingresar á Xunta de Galicia 45 millóns de euros máis para servizos sociais que non están chegando ás administracións locais".
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, lamenta que nin PP nin BNG apoiasen "esta moción que defende os intereses dos veciños de Ponte Caldelas e de todos os galegos que se atopan nunha situación de dependencia ou con problemas complicados de saúde. En definitiva, unha petición lóxica e xusta".
LIQUIDACIÓN DE 2020
Por outra banda, no pleno deuse conta da liquidación de 2020, que tivo un resultado "positivo" para o Concello de Ponte Caldelas, segundo o goberno local tendo en conta o ano tan atípico que foi o 2020, no que "houbo que facer un sobreesforzo" para afrontar a desinfección diaria nas rúas, a desinfección nos colexios públicos de Infantil e Primaria, as axudas directas a autónomos e pemes ou a dinamización do comercio local a través de vales desconto.
Segundo os datos que traslada o Concello, Ponte Caldelas rematou 2020 con 18.036 euros de superávit, 83.456 euros de remanente, cumprindo o período medio de pago e cumprindo estabilidade orzamentaria, "unha situación a valorar sobre todo, tendo en conta que se flexibilizaron medidas fiscais a causa da pandemia e, aínda así, Ponte Caldelas cumpriu", engaden.
Por outra parte, aprobouse un recoñecemento extraxudicial de 403.778 euros por facturas que se presentaron fóra de prazo, incluso en febreiro, ou para as que se esgotou a súa partida concreta. A oposición tamén se abstivo nesta cuestión.
A este respecto, o Partido Popular cualificou de "xestión económica nefasta" o peche de contas do ano 2020. Lamentan que teña un resultado negativo duns 369.000 euros e haxa un total de 467 facturas do exercicio pasado sen pagar e levadas a recoñecemento extraxudicial de débeda por un importe global duns 404.000 euros. Ademais, aseguran que o Concello mantén unha débeda viva a longo prazo de 979.552 euros,
ESTACIONAMENTO DE AUTOCARAVANAS
O pleno tamén aprobou a ordenanza do estacionamento de autocaravanas situado a carón da praia fluvial da Calzada, onde estaba o aparcamento de vehículos. Andrés Díaz lamentou que a oposición non votase a favor deste punto "semella que non lle gusta que sigamos poñendo Ponte Caldelas no mapa e que atraiamos turismo de calidade que consumirá no noso comercio e na nosa hostalería".
O pleno da corporación tamén deu lectura á declaración institucional con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.