Comeza unha vendima que se prevé "abundante e de boa calidade" na D.O. Rías Baixas
Por Redacción
Chega o día que adegas e viticultores marcaran en vermello no calendario. Comeza oficialmente a vendima en Rías Baixas. Aínda que algunhas zonas do Baixo Miño adiantáronse xa un par de días, este luns empezan os traballos na práctica totalidade da denominación de orixe. Fano en moitos casos cos traballos previos de preparación. Agárdase que o mércores comece a chegar o groso das uvas ás adegas.
Rías Baixas calcula que esta será unha vendimia "abundante e de boa calidade" e espera recoller entre 30 e 35 millóns de quilos de uva, cun rendemento medio por hectárea para a variedade albariño entre 8.000 e 9.000 quilogramos.
Nesta campaña traballarán máis de 10.000 persoas que estarán implicadas no traballo de recollida e tratamento da uva. A D.O. Rías Baixas estima que durante a vendima contrataranse entre 2.000 e 3.000 xornaleiros. A esta cifra hai que sumar os viticultores inscritos, que o pasado ano foron 6.714 viticultores e 180 adegas, segundo os datos ofrecidos polo Consello Regulador desta denominación de orixe.
Se non chove durante os próximos días, prevese unha colleita "longa e escalonada", segundo apuntan desde o Consello Regulador, para axudar a que a uva chegue en óptimo estado de maduración. A ausencia de precipitacións no verán fixo que, nalgúns casos, a fase de maduración, coñecida como envero, producírase con certa "irregularidade". Destacan en todo caso que "o estado sanitario da uva é moi bo" ao non terse visto afectado, engaden, por ningunha praga destacable.
Con toda a uva recollida, Rías Baixas espera poder comercializar este ano entre 20 e 22 millóns de litros de albariño.
Relacionadas:
-
Unións Agrarias denuncia que gran parte dos viticultores do Salnés teñen aínda uva sen saída
Por Redacción |
-
A vendima chegou con atraso a Rías Baixas pero boa calidade
Por Oskar Viéitez & Aitana Vidal |
-
A D.O. Rías Baixas agarda comercializar máis de 20 millóns de litros coa colleita deste ano
Por Redacción |
-
Bus turístico para coñecer a vendima en Rías Baixas
Por Oskar Viéitez |
-
A vendima dará traballo a 2.000 temporeiros en Rías Baixas
Por Oskar Viéitez |