A Policía Local de Vilagarcía inicia medicións de terrazas e ruídos e o control de horarios nos bares
Por Redacción
O goberno de Tomás Fole trasladou á Policía Local a instrución de comezar este luns a medición de todas as terrazas dos bares e cafeterías da cidade para comprobar o cumprimento da ordenanza que as regula. Así mesmo, e unha vez que se dispón xa dos sonómetros necesarios, faránse medicións dos niveis de ruído dos establecementos con actividade nocturna, así como un control dos horarios de peche.
Estas actuacións empezarán polas zonas nas que se teñen rexistrado queixas por parte dos veciños e continuarán ata completar a inspección da totalidade dos establecementos.
Tal como recoñeceu publicamente a Asociación de Hosteleiros (AHITUVI), o goberno local entende que tanto a administración como os propios veciños lle concederon a estes locais a flexibilidade máis que suficiente para acadar unha compatibilización entre os intereses empresariais do sector hostaleiro e os dereitos dos cidadáns.
Segundo o alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, "esa compatibilización é e foi sempre o obxectivo do Goberno que, aínda que defende o diálogo e a boa vontade para acadalo, non deixa de aplicar e facer cumprir as normas".
COMISIÿN DE SEGUIMENTO
Por outro lado, o Concello solicitou a Ahituvi que nomee a un representante para formar parte da comisión de seguimento prevista na ordenanza das terrazas.
O órgano (que estará integrado ademais por un representante da Policía Local, un técnico de Urbanismo e un de Turismo, así como polo concelleiro da área) convocarase tan pronto estea resolto este trámite para abordar as queixas chegadas ao Concello, analizar os expedientes en trámite e avaliar a situación xeral e grao de cumprimento da ordenanza.
Tamén se recollerán suxestións do sector para tratar equilibrar a explotación das terrazas co respecto dos dereitos dos cidadáns.