A ordenanza de terrazas contará cunha comisión de seguimento dende o xoves
Por Redacción
A polémica Ordenanza de Terrazas aprobada polo goberno muncipal de Vilagarcía contará dende o próximo xoves, día 10 de outubro, cunha comisión de seguimento.
A comisión nace co "obxectivo de velar polo cumprimento da normativa municipal e aclarar as posibles dúbidas que poidan xurdir na súa aplicación".
Representantes do Concello e da Asociación de Hostaleiros de Vilagarcía integrarán este grupo, composto por concelleiros e técnicos de Turismo e Urbanismo, Policía Local e tres membros dos hostaleiros.
A creación da comisión de seguimento está prevista na ordenanza reguladora da ocupación de terreos de uso público con mesas e cadeiras, en vigor dende o pasado mes de abril.
Ademais de controlar a aplicación da normativa, nestas reunións abordaranse as queixas que poidan trasladar veciños e os propios hostaleiros para "facer compatibles os intereses dun e outro colectivo", segundo defende o Concello de Vilagarcía.