8M | Carmela Silva: "O feminismo é inquebrantable e non imos dar nin un paso atrás"
Por Redacción
"O feminismo é inquebrantable e non imos dar nin un paso atrás". Así o sinalou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva no acto organizado pola administración provincial con motivo do Día da Muller, este luns 8 de marzo.
A presidenta da Deputación de Pontevedra defendeu no seu discurso a "acción política máis potente que existe, a da igualdade" destacando que "a crise de 2008 deixou unha forte pegada nas mulleres e a actual de novo nos volve deixar en peores posicións".
A mandataria socialista recoñeceu que "estamos fartas de discursos" e por iso reclamou pasar aos feitos porque "a igualdade deféndese no BOE e no DOG".
Tamén criticou que se trate de "criminalizar" o movemento feminista prohibindo manifestacións. "Onte en Madrid concentráronse centos de homes e ninguén botou as mans á cabeza". E chamou a atención sobre o feito de que en España se celebren como media seis manifestacións ao día, "e as culpables somos nós?", preguntou. "Cando nós somos quen se concentran criminalízannos. Xuntas, fortes, empoderadas".
Carmela Silva indicou que "este ano non pode haber grandes manifestacións porque se alguén entende a importancia de coidar a saúde somos as mulleres. Pero que ninguén se trabuque: somos máis reivindicativas que nunca. Non imos calar. Ninguén nos vai deter".
Dentro da axenda feminista que reivindica a Deputación de Pontevedra, Carmela Silva tamén incidiu nun dos asuntos sobre os que se pon o foco na corresponsabilidade entre homes e mulleres no ámbito dos coidados. A repartición desigual dos coidados dentro e fóra do fogar é unha realidade que se viu agravada pola pandemia.
Este acto reivindicativo desenvolveuse na Alameda de Pontevedra fronte ao Pazo Provincial e tivo como protagonista unha acción artística da marinense Celeste Garrido, que situou unha serie de siluetas de madeira pintadas de branco "a cor da non violencia" e representando ás "mulleres como un exército en primeira liña de batalla, unidas fronte a un obxectivo común".
As siluetas teñen unha base semiesférica, como un xoguete tentetieso, de maneira que "non se poden tombar, sempre se volverán erguer" e fronte a elas, coma se tratasen de derrubar uns birlos, situáronse unhas esferas negras con esas "lacras que nos ameazan e golpean cada día" e que o machismo non recoñece.
Segundo explicou Celeste Garrido con esta acción artística "quero que o espírito das mulleres que se manifestaron estes anos se vexa representado. Hoxe non están por mor da pandemia".
Neste acto tamén interveu a concelleira de Igualdade de Pontevedra, a socialista Yoya Blanco, que deixou claro que afirmou que "o femimismo non é unha moda, é unha loita de séculos, temos moito feito pero queda moito".
Relacionadas:
-
8M | Colexios da comarca conmemoran o Día Internacional da Muller
Por Redacción |
-
8M | Poio reivindica "seguir dando pasos" para eliminar a "fenda de xénero"
Por Redacción |
-
8M | A Xunta defende en Pontevedra o seu compromiso "irrenunciable" coa igualdade
Por Redacción |
-
8M | A Subdelegación do Goberno homenaxea cun vídeo ás mulleres en primeira liña da pandemia
Por María José Pita |