A 'Facultade Ágora' é avalada polos colexios oficiais como unha iniciativa "ambiciosa" e "necesaria"
Por Redacción
A 'Facultade Ágora', a iniciativa formativa lanzada pola Deputación de Pontevedra para persoal político e técnico dos concellos da provincia para recuperar espazo público, vén de ser avalada polos colexios oficiais de Arquitectura, Arquitectura técnica, Enxeñería de Camiños, Canles e Portos e Enxeñería técnica de Obras Públicas de Galicia e definida como "ambiciosa" e "necesaria".
O apoio dos colexios xurde tras unha reunión entre o deputado de Mobilidade e Espazo Público, Uxío Benítez, e a secretaria técnica da Rede de Cidades que Camiñan, Ana Montalbán (encargada da organización do curso), con representantes das entidades.
Estes amosaron o seu interese e disposición para colaborar na promoción, difusión e asesoramento técnico e subliñaron que o plantexamento da facultade supón un 'plus' á formación regrada da man de importantes figuras da enxeñería, a arquitectura e outros ámbitos.
Ademais, consideraron interesante que as persoas asistentes reciban o título de 'Tecnico Ágora' tras pasar a correspondente proba de aproveitamento.
A colaboración dos colexios oficiais coa 'Facultade Ágora' da Deputación terá beneficios para as persoas colexiadas, cun desconto do 25% na cota de inscrición para asistir aos seminarios -que comezarán telematicamente o 9 de abril e rematarán en novembro-.
Segundo destacou o deputado Uxío Benítez, a 'Facultade Ágora' e a recuperación do espazo público suporá un nicho de traballo para o persoal técnico, xa que nestes momentos se está a extender a cultura de facer amables as ciudades para as persoas e ademais hai fondos europeos orientados a ese fin.
"Os concellos van comezar a pedir proxectos que cumpran os criterios Ágora sobre o espazo público, pode haber oportunidade de traballo porque se necesitan persoas formadas e con sensibilidade", subliñou Benítez, lembrando que a Deputación ten aberta unha convocatoria de subvencións na que financiará o 90% do custe de propostas para actuar nos municipios da provincia seguindo o modelo da mobilidade amable.
Está no horizonte da Deputación traballar para que a 'Facultade Ágora' teña recoñecemento homologado e, ademais, o título de 'Técnico Ágora' poida servir para aumentar puntuación nas probas de acceso e oposicións para a administración pública.
CADRO DOCENTE MULTIDISCIPLINAR
Uxío Benítez animou a todas as persoas vencelladas co espazo público nos concellos e tamén a profesionais libres a asistir aos cursos da 'Facultade' e formarse.
"Queremos ter un público diverso e por iso é importante a heteroxeneidade, que o cadro docente sexa multidisciplinar, para dar unha linguaxe común tanto a representantes políticos e técnicos dos concellos nunha visión integral do que debe ser o espazo público", explicou.
De feito, a día de hoxe están confirmados relatores e relatoras do mundo da enxeñería, a arquitectura, a socioloxía, a pedagoxía, a mediciña, a fotografía, o deporte, a xeografía, a bioloxía, paisaxe e medio ambiente, entre outros ámbitos.
Algunhas das persoas xa confirmadas son Zaida Muxi, coñecida pola súa experiencia en cuestións de espazo e xénero; Francesco Tonucci, pedagogo fundador da 'Cidade dos Nenos' María Ángeles Durán, Catredrática e investigadora do CSIC; o arquitecto José Fariña autor dun blog sobre pedagoxía, urbanismo e territorio; Rubén Lois, doutor en Xeografía da USC; Izaskun Chinchilla, autora de 'La ciudad de los cuidados' José María Ezquiaga, Premio Nacional de Arquitectura; Marta Román, experta en proxectos de mobilidade infantil e consultora en Gea21; Salvador Rueda, director da Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona; e Alfonso Sanz, autor de 'Calmar el tráfico', entre outros, nun elenco que se pechará nas dúas próximas semanas.
Relacionadas:
-
Xornada inaugural da Facultade Ágora, unha iniciativa para promover a transformación dos espazos públicos
Por Redacción |
-
A Deputación inaugura a Facultade Ágora para formar acerca dos usos dos espazos públicos
Por Redacción |
-
A arquitecta Zaida Muxí e a enxeñeira Paula Teles, dentro do plantel de especialistas mundiais da 'Facultade Ágora'
Por Oskar Viéitez |
-
A Rede Europea 'Polis' cualifica o proxecto 'Ágora' da Deputación como unha "boa práctica inspiradora"
Por Redacción |
-
A Facultade Ágora aumenta as prazas e prorroga a preinscrición ante a gran demanda xerada
Por Redacción |
-
A Deputación 'ficha' para a súa Facultade Ágora a Jan Gehl, estrela da arquitectura mundial
Por Oskar Viéitez |
-
A 'Facultade Ágora' da Deputación terá entre o seu profesorado ao asesor da alcaldesa de París
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación crea a "Facultade Ágora" tras detectar un "déficit de coñecemento" no tratamento do espazo público
Por Oskar Viéitez |