O Porto de Marín contará cunha instalación fotovoltaica no estaleiro de Praceres
Por Redacción
O Consello de Administración da Autoridade Portuaria aprobou este xoves unha autorización para as obras dunha instalación fotovoltaica para autoconsumo no estaleiro de Praceres.
O estaleiro súmase así a outras empresas do recinto portuario que están a optar por medidas de aforro enerxético e de redución de gases á atmosfera. Este enfoque ambiental é unha prioridade para a Autoridade Portuaria, que tamén ten instalados paneis fotovoltaicos en varias das súas localizacións como a sede administrativa ou o faro da illa de Ons, por exemplo.
Co mesmo obxectivo, téñense en conta os proxectos e iniciativas das diferentes empresas situadas no recinto que vaian encamiñados á mellora da eficiencia enerxética baixo premisas de sustentabilidade ambiental.
A reunión do Consello de Administración serviu tamén para aprobar melloras en diferentes instalacións pesqueiras do porto ligadas á industria frigorífica. En concreto, aprobouse unha ampliación de prazo concesional no frigorífico Rosa dos Ventos tras recibir informe favorable de Portos do Estado. Esta instalación solicitara a ampliación de prazo ao amparo do recolleito na Lei de Portos do Estado e da Mariña Mercante, tras cumprir as condicións que contempla a lexislación para o seu outorgamento.
Tamén se aprobou un investimento relevante en Galfrío consistente na mellora de procesos mediante novas tecnoloxías, investimentos en eficiencia enerxética e calidade ambiental e o recoñecemento de bens de inmobilizado para mellora da produtividade e a competitividade da compañía, entre eles catro peiraos de carga.
Por outra banda, o Consello aprobou a construción dun novo peirao de carga na instalación frigorífica e de elaborados Galicia Processing Seafood. Isto permitirá optimizar a operativa de carga e descarga de camións para peixe fresco, minimizando os tempos dos procesos e mellorando os rendementos da factoría.
O Porto de Marín consolidouse nos últimos anos como un centro loxístico de recepción, tratamento, elaboración, almacenamento e distribución de produtos pesqueiros conxelados e conta no seu conxunto cunha capacidade de almacenamento frigorífico superior aos 262.000 metros cúbicos. As actividades ligadas ao tráfico de pesca conxelada son ademais das que máis empregos xeran no recinto portuario.