O Goberno investirá 10 millóns de euros no Porto de Marín para mellorar a súa competitividade
Por Redacción
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, analizou este venres co presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, José Benito Suárez Costa, os principais retos da infraestrutura portuaria.
Ambos coincidiron na potencialidade da dársena dada a súa singularidade no sistema portuario galego e a mellora da súa competitividade grazas novos investimentos que se afrontarán nos próximos meses.
Losada subliñou que os Orzamentos Xerais aprobados para este ano consignan investimentos próximos aos 10 millóns de euros na dársena pontevedresa. Entre as principais partidas contempladas este ano inclúense as obras de atracada, que conta cunha anualidade de 3 millóns de euros e, tras ela, a mellora de calados do Porto, dotada cunha partida de 2,1 millóns de euros.
Estes investimentos apoian a execución do Plan de Empresa 2020-2024 consensuado con Portos do Estado. Este documento estratéxico expón actuacións por valor de 35,2 millóns de euros para dotar ao porto de mellores infraestruturas e maior polivalencia.
Durante a reunión, ambos repasaron os retos de futuro próximo desta dársena, cuxas características o fan especialmente atractivo para o comercio de produtos pesqueiros conxelados ao dispoñer dunha capacidade de almacenamento frigorífico duns 262.000 metros cúbicos concentrados nun único recinto. Tamén apuntaron o crecemento nas descargas de compoñentes relacionados cos parques eólicos.
O delegado puxo a Marín e Ría de Pontevedra como exemplo da gran diversidade do sistema portuario de Galicia e de España. Lembrou que nas últimas semanas reuniuse cos presidentes das autoridades portuarias de Ferrol e de Vigo e que “cada dársena ten uns potenciais que nos permite falar de complementariedade entre elas e non de competencia”.
Javier Losada indicou que o obxectivo do Goberno é apostar polas fortalezas de cada porto nas novas condicións de sustentabilidade ambiental e do transporte que marcan as directrices internacionais.
O presidente da Autoridade Portuaria de Marín, José Benito Suárez, no seu encontro telemático co delegado do Goberno, destacou que estes novos proxectos servirán para gañar competitividade, polivalencia e xerar novas oportunidades de negocio para a dársena.