Os socialistas de Marín piden á Autoridade Portuaria que mellore a seguridade en Praceres
Por Redacción
O PSOE de Marín, a través do seu portavoz, Manuel Pazos, pide que se mellore a seguridade peonil no paseo marítimo ao seu paso polos Praceres, no Concello de Pontevedra.
Os socialistas propoñen un retranqueo do peche portuario para evitar aos peóns atravesar, neste tramo de 250 metros, dúas rotondas, ao atoparse na zona unha vía de ferrocarril e un estaleiro.
Para o portavoz Manuel Pazos "no paseo marítimo que vai pola Avenida de Ourense,e que proximamente se unirá con Pontevedra, existe un punto negro moi evidente ao seu paso por Praceres. Non é normal que a xente teña que cruzar por dúas rotondas cun enorme tráfico, sen medidas de seguridade nin de accesibilidade. É preciso que o Porto e o Ministerio reformulen ese estrangulamento e permitan a continuidade e a seguridade no paseo marítimo".
Por este motivo os socialistas presentarán ao Pleno do Concello de Marín unha moción para instar á Autoridade Portuaria a que elabore un proxecto que analice as posibilidades de mellora da seguridade en Praceres, e se negocie un acordo co Concello de Pontevedra e Fomento.