A Rúa Valiña gaña espazo para os peóns e racionaliza os aparcamentos
Por Oskar Viéitez
Os deputados Santos Héctor e Gregorio Agís, xunto co alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a tenente de alcalde, Chelo Besada, visitaron este luns a rúa Valiña, onde se investiron preto de 80.000 euros procedentes do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
A rúa Valiña é un dos eixes principais do concello e nos últimos anos ten experimentado un importante crecemento urbanístico.
Tralas obras realizadas as beirarrúas pasaron a contar cun ancho estable de dous metros. A superficie peonil creceu un 40% pasando dos 300 metros cadrados a 502 metros cadrados. A maiores solucionáronse os problemas das entradas dalgunhas garaxes que constituían verdadeiras barreiras arquitectónicas. A mellora permitiu tamén a pavimentación da calzada.
Gregorio Agís fixo alusión ao mal estado da rúa dende a construción dos primeiros edificios. "As beirarrúas non tiñan as condicións necesarias e, ademais, era preciso reordenar os niveis nas entradas aos garaxes", dixo.
"Gracias ao Plan Concellos puidemos dar resposta ás necesidades dunha zona que ten moitos habitantes", engadiu Agís.
O alcalde, Luciano Sobral, lembrou que a rúa Valiña ten unha forte densidade de poboación e canaliza unha gran cantidade de vehículos, polo que era necesario mellorar a accesibilidade peonil "para conseguir unha mellor calidade de vida cunha contorna agradable".
A rúa Valiña conta cunha lonxitude total de 130 metros e a obra realizada permitiu reordenar completamente os seus espazos peonís, garantindo a seguridade viaria ao separalas adecuadamente das zonas de aparcamento.
Para elo foi necesario a demolición do firme anterior, adaptación das novas beirarrúas á rasante, apertura de gabias para instalación de sumidoiros da nova rede de pluviais e, finalmente, pavimentación cunha nova capa de rodadura.