Construcciones Caldevergazo mellorará o saneamento na zona de Chancelas
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno do Concello de Poio aprobou a adxudicación á empresa Construcciones Caldevergazo dun contrato menor por 7.018 euros que servirá para mellorar a rede de saneamento coa dotación dun sistema por impulsión no Camiño da Bouza, na parroquia de Combarro.
Os operarios procederán a habilitar un ramal de saneamento mediante mangueiras de impulsión, dando servizo a un pequeno núcleo de vivendas situadas nesta zona de Chancelas, co que se completa a prestación que xa existe na contorna.
A tenente de alcalde e responsable de Obras, Chelo Besada, explica que actuarase nunha extensión aproximada de 100 metros se ben se proxecta a dotación de tres mangueiras independentes nunha superficie de 291, para poder dar servizo a todas as vivendas. Ademais, habilitarase un pozo de rexistro que complementen os traballos.
Posteriormente, procederase á reposición do firme, cunha capa de xabre de 15 centímetros, previo a outra capa de mestura de aglomerado en quente de 5 centímetros.
A Concellería de Obras e Servizos tamén proxecta outra actuación no lugar do Laño, en Samieira, encamiñada a dotar de servizo de abastecemento a outro núcleo. Estas obras están pendentes da aprobación definitiva dos orzamentos, sinala Besada.
Relacionadas:
-
Adxudicada a obra para dotar de saneamento ao lugar de Covadalaxe en Samieira
Por Redacción |
-
Poio destinará máis de 700.000 euros en obras de humanización e recuperación de núcleos tradicionais
Por Redacción |
-
Marconsa executará as obras de mellora da Seara cun orzamento de 290.000 euros
Por Redacción |
-
A Rúa Valiña gaña espazo para os peóns e racionaliza os aparcamentos
Por Oskar Viéitez |