O BNG leva ao Parlamento os recentes "escapes" en ENCE

Por Redacción
Os incidentes olorosos que provocou Ence en Pontevedra o pasado mes de agosto chegan ao Parlamento. Fano da man do BNG. Tres das súas deputadas, Carme Adán, Montserrat Prado e Ana Pontón, formularán este xoves unha pregunta no seo da comisión de Medio Ambiente. Queren coñecer, entre outras cousas, información sobre os "escapes" recoñecidos por Ence ou as actuacións que se están levando a cabo para que abandone a ría de Pontevedra.
No texto da pregunta, o BNG recorda que no mes de agosto, concretamente o domingo 11 e o sábado 17, na factoría de Ence situada en Lourizán "producíronse varios incidentes con escapes e emisións á atmosfera de sustancias sen determinar e dos que se descoñecen as causas". Escapes que, apuntan, "produciron alarma entre os veciños que chamaron aos servizos de emerxencias, denunciando cheiros fóra do habitual ou problemas respiratorios".
Estas alteracións do aire "supoñen unha constante ameaza para a saúde da poboación e evidencian, unha vez máis, que o emprazamento de ENCE na ría de Pontevedra non é axeitado e que a súa presenza na mesma non debe exceder en ningún caso a data límite de xullo de 2018, na que se remata a concesión outorgada", continúan as nacionalistas.
A empresa ten recoñecido, sinalan as deputadas, diversos fallos como son un "cero eléctrico" ou un mal funcionamento dunha caldeira, "mais non consta que haxa ningún informe oficial máis alá de misivas publicadas na prensa". E denuncian que diversas informacións indican que non se ten realizado ningunha investigación directa por parte da Xunta de Galicia, actuando a partir dos datos facilitados por ENCE, "dando por boa a información ofrecida pola empresa".
De aí que cualifiquen como "lamentable" que a Xunta "deixe que sexa a empresa a que poña as condicións, a que dite as normas do xogo", sobre todo porque cren que a empresa "actúa ao máis vello estilo colonial, como depredadora do territorio e dos recursos do noso país, con total falta de transparencia (...) e faino porque sabe que conta coa complicidade do Partido Popular no Goberno galego".
Por todo o que expoñen, o BNG quere saber que información ten o Goberno galego das emisións á atmosfera de Ence neses días, se hai aberta algunha investigación, se os técnicos da Xunta inspeccionaron as instalacións da empresa, se teñen avaliado as consecuencias para a saúde da poboación destes escapes, se Ence comunicou ao goberno estes incidentes ou se se lle abriu ou se abrirá algún expediente sancionador a Ence por estas emisións.
Por último, o BNG pregúntalle ao goberno galego que medidas ten tomado ou vai tomar a Xunta para que incidentes coma estes non se volvan a producir ou, entrando no fondo do asunto, que actuacións está a realizar a Xunta para que a pasteira deixe a súa actual ubicación na ría de Pontevedra como data límite en xullo de 2018, cando remata a concesión administrativa que ten outorgada.