Lores responde a ENCE: "Cando o fume sae ao aire e cheira, leva substancias. Non é vapor de auga"
Por Alejandro Espiño
Lonxe de dar un paso atrás no seu posicionamiento contra Ence trala carta que lle enviou o conselleiro delegado de compañía, Miguel Fernández Lores reiterou este xoves as súas críticas ao complexo industrial de Lourizán. Cualificou tanto a Ence como a Elnosa como "empresas claramente depredadoras do territorio" e asegurou que as recentes declaracións de directivos de Ence prodúcense "porque arremeten contra quen lle está plantando cara".
"Nós non dixemos nada que se poida entender como manipulación ou terxiversación dos datos", afirmou Fernández Lores, quen dixo que "non me dou por aludido" nas acusacións que realizaba en dita misiva Ignacio de Colmenares. "Dixemos o que había, que eran moitas denuncias de moitas persoas aos servizos de emerxencia porque se produciu un incidente do que descoñecíamos as súas causas".
Tras esta aclaración, o rexedor capitalino insistiu en que "nunca pasa nada con estas empresas, ata que pasa". Restou importancia aos informes aportados pola empresa, porque sinalou que este tipo de compañías "sempre teñen posibilidades económicas para lograr informes de parte para que digan que son inocuos", polo que pedirán a intervención da Xunta de Galicia neste asunto.
Ademais do traballo que están realizando os servizos xurídicos municipais "para que Ence non se consolide en Lourizán e poidamos recuperar a ría para os cidadáns", Lores avanzou que o goberno municipal esixirá á Xunta de Galicia "que cumpra coa súa responsabilidade" de control ambiental neste tipo de incidentes, algo que farán oficialmente a principios da próxima semana.
"Cando irrita as córneas ou cando provoca problemas respiratorios é porque leva substancias que fan dano", di Fernández Lores sobre os escapes
En todo caso, reiterou que "hai cuestións que non se cre ninguén". Lores quixo deixar claro que "cando o fume sae ao aire e cheira, leva substancias, iso sábeo calquer estudante de primeiro de EXB, non é vapor de auga". E continuou dando veracidade ás denuncias veciñais, xa que sinalou que "cando irrita as córneas ou cando provoca problemas respiratorios ou sensación de imposibilidade de respirar é porque leva substancias que fan dano no sistema respiratorio".
O alcalde afirmou que "a nós non nos engañan nin vamos cambiar o noso posicionamento firme", ao entender que as explicacións da empresa "son escusas de mal pagador". Neste sentido, Fernández Lores explicou que o goberno municipal seguirán na mesma liña de "poñerlle todas as trabas posibles para que Ence non siga en Lourizán, para que se cumpra a lexislación e para cumprir os desexos dos pontevedreses e iso é o que lle doe á empresa".
Recordou que Ence está situada en espazo marítimo terrestre, "utilizando recursos de todos", como o subministro de auga "consumindo máis que toda a cidade de Pontevedra e pagando menos polo saneamento do que debería". E todo iso permítelle, dixo, "lograr moitos beneficios a conta destas vantaxes". E por iso concluíu afirmando que "ese é o seu único interese, logran pingües beneficios a conta de destrozar o territorio".
Relacionadas:
-
A APDR denuncia a ENCE no xulgado polos escapes producidos o pasado mes de agosto
Por Redacción |
-
Moreira solicitará datos a Lores sobre a resposta municipal ao último incidente en ENCE
Por Redacción |
-
Os escapes en Ence foron "inocuos", di a Xunta, que anima a Lores a "actuar en consecuencia" se non o cre
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG leva ao Parlamento os recentes "escapes" en ENCE
Por Redacción |
-
Cúmprese medio século dende que Franco inaugurou ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Pontevedra critica a "confluencia de intereses" entre Ence e o Goberno galego
Por Oskar Viéitez |
-
O sindicato CSI-F en Ence pide a Lores que faga públicas as queixas rexistradas polo último incidente na fábrica
Por Redacción |
-
ENCE advirte a Lores que o seu descoñecemento sobre a factoría "non o autoriza a mentir nin a alarmar"
Por Oskar Viéitez |
-
Carme da Silva sobre ENCE: "Chernobil tamén era a central máis segura do mundo ata que non o foi"
Por Alejandro Espiño |