Ágora, o plan da Deputación para duplicar o espazo público peonil
Por María José Pita
O deputado de Mobilidade Alternativa e Espazos Públicos, Uxío Benítez, presentaba este mércores a convocatoria de axudas englobadas dentro do Plan Ágora, destinadas á ampliación dos espazos públicos para as persoas en concellos de menos de 50.000 habitantes na provincia de Pontevedra.
Este ambicioso proxecto será aprobado este venres 12 de febreiro na Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra coa boa nova de que xa están adheridos ao mesmo 51 concellos, tras a rolda previa de contactos informativos que se veu desenvolvendo desde o pasado mes de xuño.
O Plan Ágora trata de crear "unha rede institucional entre a Deputación de Pontevedra e os concellos que voluntariamente así o decidisen de cara a camiñar cun obxectivo moi claro de aumentar o espazo público adicado ás persoas e tamén fomentar infraestruturas de mobilidade alternativa", explicaba o deputado Uxío Benítez.
Ágora é un termo procedente do grego que aludía á praza onde acostumaban a reunirse os cidadáns, un espazo aberto onde se desenvolvía a vida social, co seu mercado e a súa actividade cultural. Esta recuperación dos espazos de convivencia é o que promove o Plan da Deputación, apoiado en dez principios: o espazo público é un dereito, as persoas primeiro, mobilidade inclusiva, autonomía infantil, mobilidades alternativas, espazos seguros, hábitat saudable, espazos amables e de calidade, actividade económica de proximidade e mobilidade sustentable.
"Esta liña de axudas para a redacción de proxectos e execución de obras de mobilidade amable e de recuperación dos espazos públicos nos concellos Ágora ten un orzamento de case dous millóns e medio de euros e vai a ter dous eixos", apuntaba Benítez.
Por unha banda, a axuda para a redacción de proxectos contará cunha subvención de ata o 90 por cento do custo e cunha subvención máxima de 50.000 euros por cada concello "porque queremos fomentar que os concellos teñan proxectos de recuperación do espazo público", comentaba o deputado, de cara a que tamén poidan optar a fondos europeos para o financiamento das obras, para o que se esixe ter previamente rematada a redacción destes proxectos.
Por outra banda, a axuda para a execución de obras, que ten unha subvención máxima dun 20 por cento da obra e un máximo de 100.000 euros. A idea é que esta axuda sexa compatible cos proxectos do Plan Concellos do organismo provincial, sempre que se cumpra o requisito de que "como mínimo hai que incrementar un 50 por cento o espazo peonil, é dicir, hai que gañar espazo para as persoas, e os espazos gañados para os peóns teñen que ser dunha superficie mínima de 300 metros cadrados", puntualizaba Benítez.
Este ambicioso plan márcase un obxectivo temporal a dous anos vista, de modo que "no 2023 poder dicir que se antes tiñamos uns determinados metros cadrados para as persoas nos concellos Ágora, pois agora temos o dobre, ou o triplo, ou o que poidamos" sempre a partir do mínimo do 50 por cento dos metros cadrados gañados para as persoas, subliñaba o deputado de Mobilidade Alternativa e Espazos Públicos.
Relacionadas:
-
No último exercicio a Deputación logrou unha nova rebaixa da débeda e cumpriu a estabilidade orzamentaria
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación crea a "Facultade Ágora" tras detectar un "déficit de coñecemento" no tratamento do espazo público
Por Oskar Viéitez |
-
O PP di que as axudas da Deputación "chegan tarde e son totalmente insuficientes"
Por Oskar Viéitez |