Xa hai wifi gratuíto nas inmediacións do porto deportivo de Sanxenxo
Por Redacción
Toda a contorna do porto deportivo de Sanxenxo, incluídas a Praza dos Barcos e a Praza do Mar, conta xa con conexión a internet a través dun sistema wifi gratuíto.
Telefónica, a empresa encargada da colocación dos once dispositivos de acceso, nove exteriores que cubrirán a balsa de auga do porto deportivo, e dous interiores, para dar cobertura á Sala Nauta e á Capitanía, culminou a finais da semana pasada os traballos.
Un dos receptores exteriores instalouse no exterior do aparcadoiro de Nauta, en dirección a Silgar, coa intención de que o sinal poida alcanzar ao areal e parte do paseo.
A instalación deste servizo con fibra óptica ten un custo total de 19.811 euros, dos que 15.000 son sufragados con fondos europeos, a través do programa Wifi4 EU, e 4.811 son achegados por Nauta.
A partir de agora será o Concello de Sanxenxo o que se encargue do mantemento e as conexións deste sistema, que abarca unha área duns 200.000 metros cadrados.
Nauta encargarase de pagar o acceso a internet (gastos operativos) durante tres anos como mínimo e proporcionarase unha velocidade mínima de 30 Mbps, sen limitar o tráfico aos usuarios da rede sen fíos, excepto o poder realizar unha distribución equitativa do ancho de banda entre os usuarios en horas punta de utilización da rede.
Este é o primeiro espazo público en Sanxenxo con internet sen custo, pero o goberno local contempla dentro do proxecto Red.es a instalación de polo menos 35 puntos wifi gratuíto en lugares estratéxicos das distintas parroquias do municipio nos próximos meses.
Relacionadas:
-
Empezan a instalar puntos wifi gratuítos e cámaras para o cálculo de persoas na praia de Silgar
Por Redacción |
-
Sanxenxo realizará un inventario sobre as infraestruturas de telecomunicacións nos seus 119 núcleos
Por Redacción |
-
Nauta Sanxenxo dá luz verde á remodelación da zona portuaria e da Praza do Mar
Por Oskar Viéitez |
-
Haberá wifi gratuita no porto deportivo de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sanxenxo instalará cámaras para controlar o tráfico e os aparcamentos no municipio
Por Alejandro Espiño |