Alertan sobre o paso de quads e presenza de cazadores na Vía Verde
Por Redacción
Varios veciños dos municipios polos que discorre a Vía Verde do Salnés denunciaron ante os seus respectivos concellos o paso de quads circulando a velocidades bastante elevadas pola senda peonil, así como a presenza de cazadores exercendo esta actividade na zona de paseo.
Tras comprobar a existencia de testemuñas, tanto na parte de Vilagarcía, como nas de Caldas e Portas, os concellos alertaron á Policía e ao Seprona da Garda Civil dunha situación que conleva un grande perigo para as persoas que percorren a diario a vía turística. Para atallar a situación, intensificarase a vixilancia e sancionaranse todos os usos e prácticas indebidas detectadas.
Dende os tres municipios lémbrase que a Vía Verde é unha na senda de uso peonil, onde o único vehículo que se permite é a bicicleta, sempre que circule a velocidade de paseo. As normas están perfectamente indicadas nos paneis que se distribúen ao longo dos algo máis dos 9 quilómetros dos que dispón esta infraestrutura turística, polo que son de sobra coñecidas.
Os responsables municipais apuntan que a Vía Verde do Salnés, é a primeira vía destas características que discorre integramente por territorio galego, e é un recurso turístico moi importante e de gran valor para os tres concellos e as zonas limítrofes debido ao seu atractivo natural, paisaxístico, patrimonial e etnográfico, a maiores de permitir a saudable practica de camiñar ou correr por un espazo natural e ao aire libre.
A suma destas razóns fan que a Vía Verde sexa un lugar moi frecuentado a diario polos veciños dos municipios da zona que se animan a camiñar ou a andar en bici, afluencia que se incrementa as fins de semana coa presenza de moitas familias. O paso de quads e a práctica de caza na senda supón un grave risco para os usuarios, situacións que hai que evitar.