Sorprenden 'in fraganti' un hostaleiro de Combarro servindo bebidas dentro do seu local
Por Redacción
Por unha porta traseira accedían os clientes a un bar de Combarro que foi denunciado pola Policía Local de Poio. A pesar do peche decretado na hostalería polas restricións da covid-19, seguía a servir bebidas no seu interior. Esta actividade está totalmente prohibida.
Os feitos tiveron lugar na mañá de onte, martes 2 de febreiro. Foi entón cando, alertada por un aviso veciñal, unha patrulla policial se trasladou ata Combarro.
Xa en días anteriores recibíranse chamadas advertindo desta situación, pero o propietario era alertado por parte da súa clientela antes da chegada dos axentes.
Pero nesta ocasión organizouse un operativo especial que serviu para cazar 'in fraganti' ao responsable. Foi así, mediante esta vixilancia, como a Policía Local comprobou que os clientes accedían ao local a través da porta traseira.
Varias destas persoas permanecían no exterior, atentos á posible chegada das autoridades.
Unha vez no interior do establecemento, os axentes constataron que se estaban a permitir consumicións, a pesar de que o responsable do negocio intentou escondelas antes da entrada dos efectivos policiais, e mesmo se identificaron a persoas que non levaban posta a máscara.
Este establecemento dispuña de dispensador de tabaco e de lotaría, servizos que se poden ofrecer durante as restricións, pero sen incluír ningún tipo de consumición no interior.
Ante estes feitos, o presunto infractor exponse a unha sanción económica que pode oscilar entre os 3.000 e os 600.000 euros.
Tanto desde a Policía Local como desde o propio Concello deixan claro que a inmensa maioría dos profesionais da hostalería están cumprindo en todo momento coas medidas e que casos como este son illados, se ben se deben erradicar por completo.
Relacionadas:
-
A Policía Local de Poio identifica oito persoas que participaban nunha festa en Raxó
Por Redacción |
-
Dez denuncias en Poio por incumprir as restricións vixentes, cinco por saltar o peche perimetral
Por Oskar Viéitez |
-
VÍDEO.- Preto do 80% da veciñanza de Poio convocada polo Sergas acudiu ao cribado
Por Oskar Viéitez |
-
Salta o peche perimetral de Poio e acaba denunciado por conducir drogado, sen seguro e sen ITV
Por Redacción |