As asociacións e colectivos de Poio participan na análise dos orzamentos do 2021
Por Redacción
O Partido Popular de Poio ofrecerá participación a asociacións e colectivos para analizar os orzamentos do ano 2021. Para iso, convocou o pasado venres a primeira dunha serie de reunións telemáticas para explicar en que consistirán os orzamentos que agora van estar en período de exposición pública e para escoitar as demandas da veciñanza.
Á primeira reunión acudiron os concelleiros Ángel Moldes, Rocío Cochón e Sergio Pereira e colectivos veciñais de Raxó, Combarro e San Salvador. Trátase de reunións telemáticas e reducidas "para explicarlle, darlles a participación que merecen aos colectivos do noso Concello e escoitar as súas opinións e impresións", destacou Moldes.
En canto aos colectivos reunidos o venres, "interesáronse por determinadas partidas do orzamento e agradeceron a información e a posibilidade de participación que lle deu o PP de Poio" indican dende o PP. "Deste xeito, unha vez analizados os orzamentos cos colectivos, estes poderán presentar as alegacións ou consideracións que estimen oportunas neste prazo de información pública".
Así mesmo, os populares lamentan a falta de transparencia do equipo de goberno en canto á elaboración dos orzamentos "sen participación e sen contar coa opinión" de ningún dos colectivos e asociacións do concello.
"O normal sería que o equipo de goberno durante a elaboración dos orzamentos contase cos colectivos para que deste xeito fosen uns orzamentos participativos pero lamentablemente non foi así: nin se reuniron cos colectivos nin coa oposición", sinala o voceiro do PP.
Ángel Moldes tamén critica que "os tres partidos que forman o goberno prometeron no seu pacto transparencia e participación e é moi triste que aprobaran este orzamento sen realizar ningunha reunión con colectivos e sen escoitar as súas propostas e que un ano máis os colectivos se teñan que enterar das contas municipais pola oposición", e engade que o orzamento "ten que ser un documento de todos, aberto, transparente e participativo e é unha magoa que o tripartito non aposte por ningunha destas cuestións e aprobase uns orzamentos deste xeito".
A Asociación de Veciños de San Salvador preguntou por temas relacionados coa seguridade cidadá e se reservaron partidas para as emerxencias e incendios; a AVCR Combarro preguntou se existían partidas para aparcadoiros en Combarro, para un novo centro de saúde e para a redacción do PXOM; e a Asociación de Veciños A Laxe de Raxó preguntou polos aparcadoiros e se existía partida para o vial da nova conexión de Raxó.
"Lamentablemente ningunha destas demandas están cubertas cos orzamentos 2021", indican dende o grupo popular.
Relacionadas:
-
O goberno local aproba o orzamento máis alto da historia de Poio
Por Redacción |
-
Para os populares os orzamentos municipais "non reflicten as necesidades de Poio"
Por Oskar Viéitez |
-
Poio insta á Xunta a que resolva a situación de vinte familias ás que non lles recargou a 'tarxeta monedero'
Por Redacción |