O goberno local aproba o orzamento máis alto da historia de Poio
Por Redacción
O pleno da corporación aprobou na sesión plenaria deste martes o orzamento máis alto da historia de Poio, que ascende a 13 millóns de euros. Unha vez finalice o pertinente período de exposición pública, e en caso de que non se presenten alegacións, entrará xa en vigor.
As contas municipais contaron cos votos a favor dos integrantes do tripartito (BNG, PSOE e Avante Poio) e foron rexeitadas polo PP ao entender que non reservan fondos nos orzamentos para as axudas directas na loita contra a covid-19.
O goberno local sostén que este orzamento garante a dotación de servizos para a veciñanza, incrementan nun 14% o apartado para investimentos e foron elaborados "desde a prudencia e a contención do gasto", tal e como sinalaron no pleno.
O concelleiro popular responsable en materia de facenda, Sergio Pereira, foi o encargado de defender a postura do PP de Poio no relativo os orzamentos e afirmou que a Xunta, as deputacións e a propia FEGAMP están acordando da man do sector de hostalaría a creación de fondos reservados para conceder axudas directas "e o tripartito de Poio non adica nin reserva ningunha partida específica para este fin: é vergonzoso".
Na réplica, o goberno local afirmou que se mantén o compromiso de seguir pendente das necesidades dos sectores máis afectados pola crise derivada da pandemia da covid-19 e ademais de manterse medidas como a exención do pago das taxas de terrazas, estudaranse fórmulas para impulsar a dinamización dos profesionais, a través de iniciativas como, por exemplo, a campaña ‘Quen é quen’ do programa Poio Confía.
Ademáis o executivo municipal defendeu as súas contas sinalando que inclúen por primeira vez novidades como a Axenda Urbana, unha ferramenta para axilizar a obtención de achegas de diferentes institucións, ou un apartado específico (140.000 euros) para a redacción de proxectos moi importantes para o desenvolvemento de Poio, como a rehabilitación integral do casco histórico de Combarro, melloras nas instalacións deportivas de Monte Baldío (Raxó) ou a posta en valor dos núcleos tradicionais.
"Apostamos por unha previsión orzamentaria realista, aínda que ao PP seguramente lle gustaría máis que fixésemos unha estimación á alza que despois non se puidera cumprir", sinala o goberno local, que lembra que varias destas actuacións se levarán a cabo con fondos estatais e europeos que non se inclúen neste documento.
Dende o BNG, Partido Socialista e Avante criticaron a actitude dos populares, que consideran insuficientes preto de 600.000 euros en investimentos, "cando esta cantidade, sen ir máis lonxe, é inmensamente superior ás partidas que a Xunta de Galicia prevé investir en Poio nos seus orzamentos de 2021, con apenas 20.000 euros para acometer melloras na lonxa de Campelo".
"Botamos en falta esa indignación do PP coa administración autonómica, que inviste unha media de menos de dous euros por habitante no noso municipio e, un ano máis, volve esquecerse de demandas históricas e proxectos moi importantes para a veciñanza", sinala o goberno poiense.
Ademáis apuntaron respecto aos impotos e as taxas municipais que "todas elas seguirán conxeladas, mantendo a tendencia dos últimos oito anos", puntualizan os dirixentes, que lamentan que a oposición "trate de confundir á veciñanza" referíndose aos novos ingresos xerados "polo crecemento do censo e a propia dinámica económica do concello".
Pero o PP insistiu en que "hai peticións de familias, asociacións, feirantes, que ademáis de axudas directas o que reclaman é unha adaptación de impostos locais á realidade que se está a vivir e o tripartito ignorou por completo estas peticións".
Finalmente os populares engadiron que "son uns orzamentos que non son transparentes, nin participativos, nin nada que se lle pareza".
Relacionadas:
-
O PP defende o investimento da Xunta en Poio durante 2021, que sitúa en sete millóns de euros
Por Redacción |
-
Poio prepara unha batería de actuacións nas que investirá 5,5 millóns
Por Redacción |
-
O PP de Poio contradí ao goberno local e fala de "pésima xestión económica" no Concello
Por Redacción |
-
Os socialistas lamentan o "bloqueo sistemático" da Xunta ao municipio de Poio
Por Redacción |
-
As asociacións e colectivos de Poio participan na análise dos orzamentos do 2021
Por Redacción |
-
Para os populares os orzamentos municipais "non reflicten as necesidades de Poio"
Por Oskar Viéitez |
-
Poio presenta un orzamento de récord, 13 millóns, e de marcado carácter social
Por Redacción |