A Xunta reparte 755.000 en axudas para o aluguer dos locais de lecer nocturno
Por Manu Otero
O Diario Oficial de Galicia publica este luns a orde de axudas destinadas a contribuír a sufragar os custos de alugueiro dos locais de lecer nocturno que permanencen pechados desde o 15 de agosto como consecuencia da pandemia.
A través destas axudas, o executivo autonómico destina un total de 755.000 euros a repartir entre 244 titulares de discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas ou salas de concertos. As contías destas axudas varían en función do importe mensual do alugueiro, cun máximo de 20.000 euros de axuda. Para acceder a elas, os titulares deben ter o contrato de alugueiro en vigor desde este mes e mantelo durante un ano desde que a situación sanitaria permita reabrir o sector.
Estas axudas forman parte do plan de reactivación do lecer nocturno inclúe tamén medidas de apoio para o mantemento do emprego e para a celebración concertos cando sexa posible. Neste apartado, a Xunta publicará proximamente outra liña de subvencións, dotada con 800.000 euros, para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas de concerto no marco do Xacobeo 2021 coa finalidade de achegar liquidez a estes locais e emendar os efectos do seu peche.
Doutra banda, o Goberno galego ultima o segundo plan de rescate para autónomos e microempresas, así como unha liña específica para a hostalería. Estas axudas terán un orzamento mínimo de 50 millóns de euros, que se suman aos 86,2 da primeira convocatoria.