Alejo, enfermeiro do equipo covid do CHUP: "Os traballadores da área dámolo todo e conseguimos saír de moitos gromos"
Por Manu Otero
O premio máis prestixioso que entrega o Concello de Pontevedra é o Cidade de Pontevedra, que este ano na súa categoría colectiva recaerá en mans de todo o equipo de sanitarios que loitaron, e o seguen a facer de forma incansable, contra a pandemia da covid-19. Médicos, enfermeiros, auxiliares, celadores, limpadores, administrativos, técnicos, xestores e todos os profesionais que traballan nos hospitais son xustos merecedores deste distintivo.
Traballando nun dos primeiros equipos covid constituído no Complexo Hospitalario de Pontevedra, alá por febreiro do 2020, estivo Alejo Huelin de Santiago. Un enfermeiro que agora exerce o seu labor no servizo de Atención Primaria do Centro de Saúde de Marín. El pon voz ao numeroso colectivo que segue coidando a toda a sociedade pontevedresa para agradecer o recoñecemento, dar grazas aos pacientes que viron mermada a súa atención sanitaria polas urxencias da pandemia e para poñer en valor a capacidade de adaptación e sacrificio de todos os seus compañeiros que souberon combater un virus descoñecido que nos cambiou a vida a todos.
- Como recibistes a noticia da concesión do premio Cidade de Pontevedra a todo o colectivo de sanitarios?
Con moito orgullo. É unha forma de que che recoñezan o traballo. Aínda que eu son dos que cren que o traballo xa está bastante recoñecido pola poboación. Isto é un recoñecemento público que chama un pouco máis ao noso bo coñecer.
- Recibir un premio destas características no medio da terceira onda é reconfortante ou só hai tempo a pensar na loita contra o virus ?
En vencer ao virus sempre estivemos centrados. É certo que vai desgastando pouquiño a pouco. Pero una das cousas que nos levamos é ver que unha persoa ponse ben. Ver que co teu traballo axudaches á xente é algo que reconforta moito. O desgaste da terceira onda está ahi, pero é un golpe de alento.
- O galardón vai dedicado a todos os traballadores, desde médicos ata auxiliares, sen esquecerse de enfermeiros, celadores, técnicos, adminsitrativos ou limpadores.
Está claro que isto é un traballo en equipo. Un non pode traballar sen o outro. Para nós sería moi difícil traballar nestas sucesivas ondas sen un bo equipo e en Pontevedra temos moi bo equipo. É certo que sempre hai máis e menos con dirección e sindicatos, pero nesta pandemia démonos conta de que contamos cun bo equipo e un gran recurso humano, que son todos os traballadores da área, que demos todo para conseguir que todo fose posible e saímos de moitos gromos, de moitas ausencias e de moitas incapacidades grazas ao esforzo de todos.
- E no medio do voso traballo, moitos irresponsables que non acatan as restricións, políticos que botan balóns fóra e normas pouco coherentes, como lles afecta?
Cando imos ao traballo, sobre todo despois dunha fin de semana, lemos esas noticias e é certo que contamina. Poste negro vendo todo o que hai detrás. Pero o traballo é o traballo, estamos nesta profesión porque nos gusta axudar e é o compoñente humano o que fai que isto vaia cara adiante. Ponnos negros que non haxa conciencia na sociedade, pero moita xente despois de estar enferma diche: 'Se eu soubese isto, eu non pensaba que isto fora ser así, eu non estou dentro do grupo de risco...' Ata que che afecta velo todo un pouco afastado. A nós afectounos moito, sobre todo ao principio, ver como a xente separábase dos seus familiares.
"Non se pode manter unha pandemia baixo control e unha economía sen tocala. Gustaríanos que houbese moita conciencia social e que non haxan daquela estes queixumes"
- Expertos médicos e virólogos aconsellan a diario sobre as normativas que se deberían aplicar para superar a pandemia da maneira máis rápida e co menor risco, séntense escoitados polos gobernantes?
Está claro que nunca chove a gusto de todos. A min gustaríame que a xente quedase en casa, que todos se encerrasen na súa pequena burbja e non saíse, que non fosen aos bares, que non consumisen. Iso sería o leite porque non habería transmisión. Pero é moi difícil porque hai un compoñente económico e social que uno sempre vai ter que minguar. Non se pode manter unha pandemia baixo control e unha economía sen tocala. Gustaríanos que houbese moita conciencia social e que non haxan daquela estes queixumes. Tamén existen expertos en economía que non queren que pechen os comercios. Teremos que saber convivir e xa levamos case 10 meses e imos ter que aprender a vivir con ela e levala o mellor que se poida, facendo casos ás restricións e limitándonos.
- A nivel persoal, vostede formou parte dos primeiros equipos covid da área sanitaria, como recuera o inicio desta etapa?
Non me esquecerei nunca daquel día, o 28 de febreiro. Ofrecéronme un contrato, un de moitos, era un contrato sen máis, un contrato no que eu non sabía onde ía. Só sabía que ía ao equipo de Urxencias. Ao principio de todo o equipo covid formaba parte do servizo de Urxencias, logo démonos conta de que encaixabamos máis dentro de Medicina Preventiva. Eu cheguei ao Hospital convencido de traballar en Urxencias, xa o facía antes e esperaba un día máis, un día normal. E decátome de que formo parte do equipo covid e digo: 'Ai, Divos meu, onde me metín!. Empezamos con medo pero con ganas de formarnos. Empezamos por formarnos sobre como nos tiñamos que vestir, como desvestirnos, como era o protocolo de petición da proba, o transporte...
Ao principio viamos o virus un pouco afastado. Pensabamos que isto aquí non chegaba. Estivemos un par de días co teléfono a voltas esperando a chamada dun posible caso. Pasamos de ter dous equipos, un de mañá e outro de tarde, a ter varios coches circulando, varios puntos de toma de mostra, empezamos a escoitar o de Covid Auto. Por temas persoais, agora deixei o servizo pero acórdome que faciamos como máximo 10 PCRs e agora vexo a cifra de 1000 PCRs diarias e quédome asombrado de como evolucionou, como nos readaptamos.
- Durante eses primeiros días non deixaban de xurdir noticias de falta de epis, de material, de máscaras, de test defectuosos...
Era un pouco caótico pero porque non sabiamos moi ben onde nos estabamos metendo. Ao principio non sabiamos como facer as cousas. As medidas de prevención estándar e de illamento respiratorio estaban clarísimas, pero a este virus tiñámoslle un profundo descoñecemento que non sabiamos como facelo. E logo viamos nas noticias o das máscaras defectuosas, a calquera de nós podíanos caer unha defectuosa. Pero eran erros imposibles de evitar, sóubose que eran defectuosas despois de utilizalas. Ninguén as comprou sabendo que eran defectuosas. Sempre estivemos coas uñas fóra e sempre pendentes de como eran as cousas. Chegamos ata a ter medo de quedarnos sen bastoncillos para as probas pola cantidade de probas que chegamos a facer.
Antes sacabamos dúas probas. Unha para procesar no laboratorio de Pontevedra e outra a tiñamos que mandar a Madrid e tiñamos que esperar a confirmación. Fíxate se chegaron a cambiar as cousas que agora o confirmamos en cuestión de horas. Fixemos un exercicio de readaptarnos e non só nos equipos de atención hospitalaria. Levo desde verán en Atención Primaria e conseguimos adaptarnos á situación, que se manteñan as distancias, que non se pode vir de dous en dous á consulta, creamos servizos, unidades e protocolos novos.
- Esta pandemia vai servir para valorar aínda máis o traballo dos sanitarios?
Penso que isto vai vir moi ben. Todos imos sacar a parte positiva das cousas. A xente darase conta de que somos un colectivo que traballou moito. Démonos conta do importante que é traballar en equipo e ter unha man que che auxilie. Agora a xente está cansa e que as cousas están a ir mal e poida que os sanitarios fixésemos tamén as cousas mal, polas circunstancias que vivimos tivéronse que aprazar operacións, por exemplo. A nós gustaríanos que este virus nunca existise e poder traballar sen ter que facer este exercicio. Eu creo que co paso do tempo, cando todo volva un pouquiño máis á normalidade, a xente volverá sentir o apoio.
Eu entendo a frustración, á xente cústalle acceder ao sistema porque estamos sobresaturados. Hai unhas semanas, o tempo que dedicaba dos meus pacientes para facer o seguimento para ver que tal estaban na casa, botaba menos dunha hora. Agora non hai día que tarde menos de hora e media polo aumento de pacientes. E ese tempo que invisto nuns pacientes vese minguado no outro, pero agora mesmo a urxencia sanitaria é o paciende covid positivo.
- Preguntáballe isto porque xa desde hai anos viñan denunciando recortes en medios, en persoal e en recursos para a sanidade pública. Despois de superar esta pandemia, a ninguén se lle pasará pola mente seguir recortando neste ámbito, non?
A min tamén me gustaría e espero que sexa así. Viuse a importancia que ten. Pero isto é algo que ninguén ninguén se esperaba. Con isto dos recortes, eu espero que non o fagan porque é un sistema esencial.
Relacionadas:
-
A covid-19 duplicou o tempo medio de espera para operarse en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra recoñece a "valentía" e o "compromiso" de quen "nos fixeron avanzar en momentos adversos"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O persoal sanitario e a futbolista Paula Dapena, premios Cidade de Pontevedra
Por Redacción |