A estrada entre Portela e Souto de Vea estará renovada en outono
Por Redacción
Case 110.000 euros prevé investir a Deputación de Pontevedra na mellora da seguridade viaria da estrada provincial EP-8401, entre Portela e Souto de Vea, ao seu paso por Cuntis.
As empresas teñen ata o próximo día 26 para presentar ofertas para unha obra que, segundo os deputados Manuel González e Ana Laura Iglesias, porá solución a unha "demanda histórica" tanto do Concello como da veciñanza.
As obras da estrada de Portela a Souto de Vea estarán adxudicadas entre finais de febreiro e principios de marzo e a actuación contará cun prazo de execución de catro meses.
Consistirán na construción de cunetas tendidas de entre 1 metro e 1,5 metros de ancho en ambas beiras ao longo dos dous primeiros quilómetros desta estrada, que ten unha lonxitude total de case sete quilómetros.
Este tramo, aínda que non ten presión residencial e transcorre fundamentalmente por terreos forestais, presenta curvas pechadas, escasa visibilidade e unha sección de 6,5 metros, que agora, coas novas cunetas, pasará a entre 8 e 9,5 metros.
Ademais, instalaranse tubaxes para a canalización das escorrentas de augas pluviais evitando que o firme enchoupe. As novas cunetas substituirán as actuais, realizadas en terra con forma de uve e que supoñen un perigo en caso de saída de vía.
O alcalde, Manuel Campos, destacou que se trata dunha que é unha obra "importante" para un concello atravesado pola N-640, un eixe de comunicación que é alternativo á AP-9 e que ten unha alta densidade de circulación.
"Levabamos tempo loitando por iso e acadámolo", sinalou Campos, que tamén reivindicou a necesidade de que a Xunta de Galicia remate a autovía Santiago-A Estrada, que acumula un atraso histórico para solucionar os problemas de comunicacións na comarca.
Entre as actuacións xa feitas con achegas do Plan Concellos, os deputados comprobaron o resultado da reforma integral da Casa do Concello, na que se investiron 50.000 euros.
A actuación consistiu na instalación dun revestimento cerámico na fachada que posibilitou o illamento térmico, ademais de acabar coas humidades existentes.
Ademais, practicáronse dous fiestras que, en palabras do alcalde, "abren o Concello á cidadanía" e mellorouse a habitabilidade interior e, por tanto, a atención ao público.
Manuel Campos anunciou que o Concello continuará agora co acondicionamento da praza exterior e a mellora da sede dos servizos sociais municipais, tamén cos fondos da Deputación.
Relacionadas:
-
A Deputación mellorará a seguridade viaria da EP-8401 ao seu paso por Cuntis
Por Redacción |
-
Feridos dous franceses nun accidente en Cuntis
Por Oskar Viéitez |
-
Ferido un condutor tras unha saída de vía en Cuntis
Por Redacción |
-
Cuntis e A Estrada únense para pedir a mellora do viario entre Portela e Souto de Vea
Por Redacción |