Record de contaxios do coronavirus en Galicia: 684 casos novos nun só día
Por Oskar Viéitez
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 6.404, isto supón 684 casos novos nun só día, é a maior cifra dende o 6 de noviembre, o anterior pico desta onda da pandemia.
Todas as áreas sanitarias empeoran neste Día de Reis, menos a de Pontevedra.
Así na área da Coruña teñen 1.377 casos activos, 575 na de Lugo, 734 na de Ourense, 743 na de Pontevedra, 1.146 na área de Vigo, 1.442 na de Santiago, e 387 na de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 57 están en UCI, 342 en unidades de hospitalización e 6.005 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 57.925 persoas curadas, rexistrándose 1.427 falecementos.
Os últimos falecementos por coronavirus rexistrados en centros hospitalarios correspóndense cunha muller de 85 anos falecida no Complexo hospitalario da Coruña, unha muller de 76 anos falecida no Complexo hospitalario de Ourense, un home de 82 anos que faleceu no Complexo hospitalario de Santiago, un home de 82 anos que faleceu no Complexo hospitalario de Ferrol e un home de 64 anos falecido no Complexo hospitalario de Vigo e procedía da residencia de Moledo, en Vigo. Así mesmo, na xornada de onte produciuse o falecemento dun home de 88 anos no seu domicilio de Ourense.
O número de PCR realizadas é de 1.145.403. Os 684 casos novos de hoxe en Galicia son o 8,82% de diagnósticos positivos de 7.752 probas PCR realizadas.