A compra de Santa Clara e o contrato do lixo, obxectivos de Lores para o 2021
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores marca como obxectivos prioritarios para o 2021 a compra do convento de Santa Clara e o novo contrato de recollida do lixo e limpeza viaria.
Así o recolle na memoria da Alcaldía dos Orzamentos para 2021, unhas contas municipais "nunca antes presentadas nin xestionadas en Pontevedra" que administrarán "arredor de 100 millóns de euros en inversións directas e que suporán arredor de 2.000 postos de traballo".
Segundo o rexedor, a compra do cenobio permitiría "ampliar os espazos verdes no ámbito de Barcelos, San Antoniño, Santa Clara, aproveitando a posibilidade de comprar o convento das Clarisas". "Os primeiros contactos están en marcha, polo que é obriga municipal ter unha previsión económica no caso de que a negociación chegase a bo porto", asegura o alcalde respecto a esta "oportunidade única".
"Trátase dunha operación urbanística de primeira orde e sen precedentes na historia recente da nosa cidade que permitirá que conservemos o noso patrimonio histórico vinculado á orixe da cidade",afirma Lores na Memoria da Alcaldía.
CONTRATO DO LIXO
Respecto ao novo contrato do lixo, Miguel Anxo Fernández Lores destaca que "estamos a traballar a reo para mellorar considerablemente a prestación do servizo consolidando a compostaxe como tratamento único dos biorresiduos e tendo como folla de ruta o cumprimento das directivas europeas na materia".
"Co novo contrato queremos que Pontevedra volva a ser un referente, nesta ocasión, pola xestión dos seus residuos", sostén o alcalde da capital.
RECUPERACIÓN ECONÓMICA
O principal obxectivo que se marca o alcalde é a recuperación económica, "antes do covid, Pontevedra destacaba entre as cidades galegas; era a que mellor proxección de futuro socioeconómico tiña. Queremos volver recuperar esa posición como punto de partida para continuar coa proxección internacional que xa nos caracteriza".
Fernández Lores quere "poñer a disposición dos veciños e veciñas o maior número de recursos económicos, evitar que ninguén quede excluído e tratar de paliar os efectos da crise económica", co obxectivo de "retomar a senda do crecemento no que se atopaba Pontevedra en marzo de 2020".
O alcalde asegura que o goberno local actuará con "partindo sempre da precaución e da cautela" e sendo "conscientes do cambiante que é a situación cada semana".
Relacionadas:
-
Santa Clara será público por 3,2 millóns: "É un día histórico", afirma o alcalde
Por Alejandro Espiño |
-
Un enterramento de monxas no xardín e o destino dos retablos, "flecos" para pechar a compra de Santa Clara
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O PP pide fiscalizar unha posible adquisición de Santa Clara para evitar un "pelotazo inmobiliario"
Por Redacción |
-
Pontevedra aproba, cos votos de BNG e PSOE, un orzamento de 80,7 millóns para 2021
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O goberno de Pontevedra quere aprobar no pleno deste venres un orzamento "expansivo" para 2021
Por Redacción |
-
Aprobado o proxecto de Orzamentos de 2021 do Concello de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
BNG e PSOE pactan un orzamento "histórico" para que 2021 sexa o ano do "rebote"
Por Alejandro Espiño |