![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/8d4/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5ff34f6eea-whatsapp-image-2020-12-14-at-13.15.17-1-.jpeg)
© Concello de Pontevedra
A campaña (en)Volve permitirá que 633 nenos e adolescentes reciban agasallos na noite de Reis
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Os 711 cómplices que colaboraron de xeito desinteresado na campaña solidaria (en)Volve, impulsada pola Concellería de Benestar Social e a Fundación Meniños, farán posible que 633 nenos e adolescentes en situación vulnerable de Pontevedra reciban un agasallo na noite de Reis.
O traballo de reparto realizado dende a Casa Azul permitiu que a totalidade dos agasallos xa foran entregados xusto a tempo para que aqueles que se portaron ben (e tamén aqueles que o fixeran un pouco peor) teñan o seu presente agardando ao espertar o día 6 de xaneiro.
O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, amosouse "orgulloso e emocionado da enorme solidariedade que, mesmo en situacións tan complexas como a que estamos a atravesar, agroma entre os cidadáns de Pontevedra sempre que se precisa deles".
"Que o número de cómplices supere con bastante diferencia ao número de cartas recibidas xa fala por si mesmo do éxito dunha campaña que fará posible que a ilusión da máxica noite de Reis chegue tamén aos que máis precisan de ilusión", sinala o edil socialista.
Segundo unha enquisa efectuada por Meniños entre os cómplices sobre os niveis de satisfacción da campaña (en)Volve, o 87% dos colaboradores puntúa a iniciativa cun 10 e o 98% asegura que lle gustaría participar no programa municipal tamén en 2021-2022.
Dado que a campaña solidaria (en)Volve promovía que os agasallos se mercasen no comercio local, segundo o COncello de Pontevedra cabe destacar que a iniciativa solidaria se traduciu nuns 22.000 euros de ingresos para as tendas de proximidade.
Relacionadas:
-
Os Reis Magos inician un ano máis a súa procura de 'cómplices' en Pontevedra
Por Redacción |
-
Escolares de Vilaboa recadan alimentos e diñeiro para os máis necesitados
Por Redacción |
-
Regresa (en)Volve, para que ningún neno pontevedrés quede sen agasallo este Nadal
Por Redacción |
-
Meniños completa o número de cómplices para agasallar a menores de familias desfavorecidas
Por Redacción |
-
Os Reis Magos xuntan máis cómplices que nunca e recadan 400 agasallos
Por Redacción |
-
Pontevedra xa ten máis cómplices dos Reis Magos que menores sen recursos que necesitan agasallos
Por Redacción |