![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/509/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5fd78eb4cd-01.jpeg)
© Concello de Pontevedra
Meniños completa o número de cómplices para agasallar a menores de familias desfavorecidas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A pandemia da covid-19 levaba á Fundación Meniños a adiantar a súa campaña de Nadal 'En-volve', pola que se pedía a colaboración cidadá para para que ningún neno pontevedrés quedase sen agasallo durante estas festas. En concreto, os agasallos froito da solidariedade dos pontevedreses van destinados a menores de familias cunha difícil situación económica.
A iniciativa acadaba este ano a colaboración solidaria de 683 cómplices, un número por riba das demandas de menores destinatarios. Neste momento, xa se recibiron no espazo habilitado na Casa Azul un total de 514 agasallos, dos que xa foron entregados 197.
Na mañá deste luns, o tenente de alcalde, Tino Fernández, e o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, achegábanse ata o edificio municipal da rúa Sor Lucía, número 4, para supervisar a entrega de agasallos, para a que a Fundación Meniños conta co apoio do Concello de Pontevedra.
O concelleiro de Benestar Social sinalaba que a campaña está a amosar que Pontevedra "é unha cidade tremendamente solidaria", ao dispoñer dun número de cómplices moi superior ao das 594 cartas recibidas e que case pechan a campaña, a falta só de recibir apenas 10 cartas, coas que se completaría o número de 604 menores participantes.
Pola súa banda, o coordinador de Meniños, Roberto Antón, comentaba que a Fundación está a realizar unha enquisa sobre os niveis de satisfacción coa campaña entre os cómplices "cuns resultados que non poden ser mellores: o 87% puntúa a campaña cun 10 e o 98% participaría na campaña o vindeiro ano".