Froiz e Viaqua seguirán apoiando a cultura de Pontevedra a pesar da extinción do Pazo da Cultura
Por Manu Otero
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, recibiron este mércores no despacho da alcaldía aos representantes das empresas Viaqua e Froiz, que exerceron de mecenas durante os últimos anos do xa extinto organismo autónomo Pazo de Congresos de Pontevedra.
"No orzamento do Pazo había unha dotación importante de Froiz e Viaqua polo que queriamos agradecerlle publicamente a súa colaboración durante todos estes anos", declarou o rexedor pontevedrés.
O apoio destes patrocinadores ao motor cultural da cidade seguirá activo, pero deixará de ter unha achega fixa anual para pasar a ser por "proxectos ou programas", puntualizou o mandatario nacionalista.
"Seguiremos apostando pola cultura e a disposición da cidade", aseguraron ambos os executivos de dúas empresas que achegaban anualmente cada unha 6.000 euros.