Poio substitúe a cabalgata de Reis por encontros virtuais e un percorrido en coche por todo o concello
Por Redacción
Os Reis Magos percorrerán o Concello de Poio a pesar da alerta sanitaria pola pandemia da covid-19. Para adaptarse á normativa, a cabalgata tradicional será substituída por un roteiro en coche que farán Melchor, Gaspar e Baltasar por todas as localidades do municipio durante a mañá e a tarde do día 5 de xaneiro.
Ademais, os nenos e nenas de Poio terán ocasión de contarlle as súas peticións aos magos coa axuda dos medios telemáticos. A través de videoconferencias que terán lugar entre os días 3 e 4 de xaneiros de 16 a 21 horas, os que se inscriban a través do correo electrónico dirección reismagospoio@gmail.com, (achegando nome, teléfono e lugar de residencia) terán uns minutos para falar coas súas maxestades de oriente.
O percorrido polas parroquias está previsto para o día 5 de xaneiro. Ás 12 horas partirán das inmediacións do Pazo Besada para saudar aos veciños do rural. Pola tarde, volverán subirse aos coches para cubrir un percorrido polos núcleos urbanos das cinco parroquias.
"Nun ano tan complicado como este que está a piques de rematar, e que resultou especialmente duro para as nosas crianzas, non podiamos permitir que a pandemia impedise que as nenas e nenos de Poio compartisen parte do seu tempo cos Reis Magos", sostén a concelleira Raquel Rodríguez.