Todo listo en Poio para o "saúdo motorizado" dos Reis Magos
Por Redacción
Xa está todo listo para que Poio reciba este martes, 5 de xaneiro, a visita dos Reis Magos. Unha chegada que, como non podía ser doutro xeito, adaptarase ao contexto derivado da pandemia da covid-19.
En todo caso, as Maxestades de Oriente non renuncian a saudar ás familias e, especialmente, aos máis cativos, logo dos meses tan duros polos que están a pasar. Deste xeito, Melchor, Gaspar e Baltasar farán dun dobre percorrido polas parroquias do municipio.
A primeira saída terá lugar ás 12.00 horas desde o Pazo Besada. Esta primeira visita será a través das zonas do rural da vila. Así, a comitiva atravesará os lugares de Viñas, A Caeira, O Vao de Arriba, Liñares, O Muíño, Fragamoreira, A Bouza, Arís, Sartal, Río Mouro, A Escusa, A Ucha, Pereiro, Casalvito, A Renda, Camiño Real, Monte Covelo, Teinogueira, Samieira, Cruceiro Vello, Arén, Caneliñas, Lameiriña e Igrexa (Raxó).
Pola tarde, será a quenda dos núcleos. Neste caso, de novo desde o Pazo, os Reis Magos partirán ás 16.30 horas cara a Casa Rosada e, desde alí, pasarán por Ferreirós, Andurique, Porteliña, Avenida de San Xoán, Beiramar, A Granxa, Padre Avelino, Lourido, Pedro Soto Couselo, A Seara, A Chousa, Alfredo Romay e o Porto de Raxó.
A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, explica que este ano a situación sanitaria obriga a prescindir da tirada de caramelos. Ademais, tampouco se realizarán paradas durante estes traxectos, para evitar posibles aglomeracións.
"Este ano toca saudar aos Reis Magos dunha forma diferente, polo que apelamos á responsabilidade de todos e todas para que en futuras edicións poidamos volver a gozar da cabalgata tradicional como o faciamos antes da chegada da covid-19", incide a concelleira nacionalista. Toda a información vencellada a este saúdo motorizado pódese consultar nas redes sociais do Concello.
Ademais, as Maxestades de Oriente tamén aproveitarán a súa presenza en Poio para recoller as cartas que os nenos e nenas de Poio foron depositando nos cinco caixas de correo habilitadas para tal fin nas cinco parroquias. En concreto, as misivas podíanse depositar no porto de Raxó, a Praza da Chousa de Combarro, a Praza do Mosteiro de San Xoán, a Praza Alfredo Romay de Samieira e en Costa Xiráldez.
Por último, Raquel Rodríguez tamén salienta a sobresaínte acollida que tiveron as videoconferencias telemáticas realizadas polos Reis Magos durante as tardes do pasado domingo e deste luns. Máis de 100 familias solicitaron realizar estes encontros ‘on line’ individualizados, previa inscrición.