Xoguetes para 'debuxar sorrisos' nas familias máis afectadas pola crise da covid-19
Por Redacción
Un total de 2.334 xoguetes chegarán nos vindeiros días a familias que están a vivir momentos complicados pola crise derivada da covid-19.
Trátase dun lote doado por Abanca e Afundación e que as entidades Cáritas, Cruz Vermella, Asociación Dignidad Galicia e Fundación Madrina se encargarán de repartir entre as familias máis afectadas pola crise de doce localidades diferentes de Galicia, León, Asturias, Estremadura e Madrid, entre elas, Pontevedra. No caso desta cidade, os xoguetes foron entregados a Cáritas.
Os agasallos foron adquiridos polo banco e a súa Obra Social con parte das doazóns realizadas polos seus empregados e clientes, así como por outras empresas e persoas interesadas en colaborar, no marco da campaña solidaria do Nadal 'Debuxar sorrisos', ás que despois se sumou unha achega institucional co obxectivo de que o maior número posible de nenos e nenas poidan recibir unha sorpresa o Día de Reis.
A outra parte das doazóns recibidas no marco da campaña solidaria destinarase á adquisición de produtos de alimentación para a Federación Española de Bancos de Alimentos, co obxectivo de contribuír a paliar as necesidades básicas daquelas familias que se viron especialmente afectadas pola crise económica que provocou a pandemia da covid-19.
'Debuxar sorrisos' é unha das accións solidarias postas en marcha polas entidades este Nadal, entre as que tamén destaca o programa de apoio social 'Cubertos Nadal', que inclúe a repartición de 16.500 menús para menores vulnerables e as súas familias durante o período das vacacións escolares.