O candidato á reelección en UGT-Pontevedra presenta o novo centro de formación como aval da súa xestión
Por Natalia Puga
O actual responsable comarcal de UGT-Pontevedra, Ramón Vidal, respondeu este martes ás críticas sobre a súa xestión realizadas polo número dous do PSOE de Pontevedra e opoñente no próximo congreso intercomarcal do 12 de setembro, Jesús Gómez. En resposta presentou o que considera como principal aval do seu traballo e o da Executiva saínte, o novo centro de formación do sindicato no Gorgullón.
Vidal presentou a súa candidatura á reelección na que será a primeira secretaría intercomarcal Pontevedra-Arousa acompañado de boa parte da súa lista e quixo facelo nas instalacións que entrarán en funcionamento nas próximas semanas, en canto teñan licenza de primeira ocupación.
Jesús Gómez cualificou de "nefasta" a súa xestión baseándose, entre outros, en tres aspectos que Ramón Vidal quixo rebater. O primeiro foi o suposto abandono da sede do sindicato, ao que a resposta foi presentar o futuro centro de formación, que centralizou as principais partidas presupostarias dos últimos anos de UGT- Pontevedra.
O segundo punto criticado foi a baixa representatividade do sindicato na bisbarra, ao que Vidal Trillo asegurou que "somos os primeiros en representatividade este ano na comarca de Pontevedra" e a súa presenza nas empresas pontevedresas é un 40 por cento superior ao do segundo sindicato con maior forza e un 35% maior que o terceiro.
A terceira crítica á que Vidal deu resposta foi a redución do número de afiliados. Asegura que "é valorable", pois a afiliación "non só tivo unha caida en UGT, senón que tamén a tivo CC.OO. e a CIG" e que "temos que diferenciar entre os afiliados que deixaron de ser afiliados e aqueles que modificaron a cuota". "A maioría son afiliados que modificaron a cuota", conclúe.
En relación co novo centro de formación, é un local de 700 metros cadrados alugados con opción a compra que UGT reformou e realizado as obras necesarias para a súa homologación para impartir actividades formativas. Xa recibiu todas as homologacións e non se presentara ata agora, pero este martes saíu á luz nun intento de responder ás críticas realizadas.
"Decidimos toda a executiva centrar todos os recursos nun novo centro de formación que está a piques de abrir", asegurou Ramón Vidal en resposta á "decadencia" das súas instalacións da rúa Pasantería e para explicar por que non se investiu en mellorar o local actual.
O novo centro "significa o futuro e significa darlle potencialidade aos traballadores de Pontevedra mediante a formación"
Asegura que habilitar este novo centro é froito de "un gran esforzo", pero se asumiu porque aínda que as aulas nas que se imparte formación na actualidade "son dignas", estaban a ser cuestionadas á hora de homologalas para impartir algunhas formacións en concreto. Tamén porque quixeron centrar todos os recursos no que para a Executiva saínte "significa o futuro e significa darlle potencialidade aos traballadores de Pontevedra mediante a formación e darlle unha maior cualificación para unha futura empregabilidade".
O novo local sitúase na praza de Ponte Boleira porque conta con facilidade de acceso, comunicacións e aparcadoiro, reúne condicións de accesbilidad para persoas con mobilidade reducida que era imposible asegurar na rúa Pasantería e está ao alcance do seu presuposto. Quixo matizar tamén que é resultado do traballo da Executiva saínte e da anterior e que entre as persoas que o fixeron posible tamén están algunhas que agora se integran na súa candidatura rival.
Ramón Vidal acode á reelección sen contar co apoio da súa propia federación profesional. Este martes valorou que se debe a que tanto el coma toda a Executiva saínte realizaron unha xestión "propia, non tutelada" e determinadas decisións que tomaron "a determinadas federacións non lle gustaron". El deféndeas todas, aínda que tamén adianta que farán autocrítica e analizarán "as eivas" que puideron ter para "fortalecerse se sa"en elixidos do congreso do xoves.
A candidatura de Vidal Trillo intégrana María Teresa Filgueira 'Uca', que será a secretaria de organización, Camilio Dios (Administración), Ramón Torrado (Formación), Carlos Esperón (Acción Sindical), Encarnación Cochón (Atención ao Afiliado) e Rosario Muñiz (Innovación).