Ramón Vidal, elexido secretario comarcal da unión de UGT Pontevedra-Arousa
Por Anxo Lourido
Sen sorpresas de última hora, Ramón Vidal Trillo saíu elixido secretario comarcal de UGT Pontevedra-Arousa, as primeiras unións comarcais que se funden en Galicia. Vidal impúxose ao candidato Jesús Gómez por 41 votos a 17 no congreso que se desenvolvía no Pazo da Cultura no que se percibía un clima de tensión entre ambas as dúas candidaturas tras as últimas manifestacións dos dous aspirantes.
A votación finalizaba arredor das 14:30 horas, unha hora e media máis tarde do que se previra no programa. Un erro no apelido dun dos integrantes da candidatura gañadora nas papeletas obrigou a que se tivese que atrasar o proceso á espera das novas papeletas. Membros da organización sindical sinalaban que querían garantir a lexitimidade dos comicios para evitar impugnacións sobre o resultado final.
Tras a votación, o secretario xeral de UGT Galicia, José Antonio Gómez, dirixiuse ao centenar de asistentes ao congreso para indicalos que é necesario "deixar atrás diferenzas para traballar todos xuntos nun momento moi difícil". A continuación, o gañador Ramón Vidal dirixiuse ata as filas do anfiteatro nas que se encontraba Jesús Gómez e fundíronse nun breve abrazo. A continuación, felicitou dende a tribuna á outra candidatura da que dixo que "tiña forza para gañar" e realizou un pequeno balance dos catro anos anteriores de mandato indicando que UGT é o sindicato que presenta mellores datos en Pontevedra. E agradeceu especialmente a Ignacio Santiago, secretario xeral da federación de servizos de UGT-Pontevedra, o seu apoio neste proceso electoral. A el regaloulle uns zocos de adorno "en representación do gremio ao que pertence toda a miña familia".
O cabeza de lista da candidatura derrotada, Jesús Gómez, indicou que "la resolución del congreso la tenía FETE y ellos decidieron apoyar a la otra candidatura. Teníamos que aceptarlo y ahora apoyarlo, trabajar con él. Sabe que tenemos que hablar y reunirnos para eliminar las diferencias que había. No me encuentro decepcionado".
Pola súa banda, Ramón Vidal, explicou que non realizará un mandato "presidencialista" como se lle criticara dende a outra candidatura: "Temos que fixarnos que no último mandato houbo unha federación discrepante pero que non podía influír para que o resto de federacións fosen na súa liña. Nós iremos na liña da maioría de organismos".