Tres vehículos arden durante a noite en Caldas de Reis
Por Anxo Lourido
Ao redor das 00.30 horas deste luns 21 de decembro rexistrábase un incendio urbano na parroquia de Santa María de Tivo, no municipio de Caldas de Reis.
O incendio orixinábase nun vehículo aparcado nas inmediacións dunha nave situada nunha zona próxima á estrada N-550, según informaban desde Protección Civil de Caldas. Rapidamente as lapas afectaron a outros dous vehículos estacionados na mesma zona.
Ata a zona desprazábase unha dotación dos Bombeiros de Vilagarcía de Arousa, que dirixiu os labores de extinción apoiado por integrantes de Protección Civil de Caldas de Reis e coa presenza de efectivos da Garda Civil e da Policía Local Caldas.
Non se rexistraron danos persoais e a Garda Civil instruíu dilixencias e investiga as causas da orixe do lume que calcinaba aos tres turismos. Non se rexistraron danos persoais.