Os parques infantís de Caldas buscan a certificación de seguridade
Por Redacción
Os parques infantís de Padres Pasionistas e da Tafona en Caldas de Reis lograron o documento que acredita o cumprimento das normas de seguridade nestes recintos de lecer infantil.
O documento recolle que se atopan adaptadas ás normas de seguridade en parques infantís da Xunta de Galicia e ás normas de UNE en relación cos equipamentos de xogo, de superficies e de revestimento de superficies.
Segundo explica o concelleiro Manuel González, responsable de Medio Ambiente, Obras e Infraestruturas, o goberno local xa está a traballar para obter a certificación doutras oito áreas infantís, dentro do plan municipal de desenvolvemento dos parques infantís. Con esta acción, o Concello pretende dar a máxima seguridade a estes espazos e achegar así a maior seguridade a nais e pais dos menores que utilizan estas instalacións.
Actualmente, as zonas de xogo infantil permanecen pechadas en Caldas debido á covid-19 e estase aproveitando para realizar o procedemento de avaliación e certificación.
As auditorías e informes previos foron realizados pola empresa Soluciones Técnicas de Ocio e o posterior certificado foi concedido por Strow Parques Infantís. Neste proceso, os técnicos comproban a adaptación dos parques ao regulamento e avalían a reparación necesaria. No caso de que se cumpran coas normas, expídese o certificado e en caso contrario, elabórase un informe cos fallos e o custo das reparacións.
No parque da Tafona corrixíronse pequenas deficiencias no tobogán e tamén se retiraron pequenas pezas non esenciais dalgún dos xogos para evitar así riscos potenciais. No parque de Pasionistas creouse un acceso adaptado a menores con mobilidade reducida e arranxaron unha randeeira que incumpría a distancia necesaria entre o asento e o peche do recinto.